Novo Surface Pro de Microsoft

martes, 23 de maio do 2017 Marcus Fernández

Durante un evento celebrado en Shanghai Microsoft presentou hoxe o seu novo Surface Pro, sucesor do Surface Pro 4, pero que deixa o número no camiño para situarse como o novo referente do mercado entre as tabletas con Windows 10 que poden configurarse para empregarse como un ordenador portátil e incluso empregarse como ferramenta de creatividade mediante o uso dun lapis dixitalizador que desta volta renovouse para mellorar a súa precisión e velocidade (detectando tamén a inclinación do lapis).
Este novo equipo ten unha autonomía de até 13,5 horas e consegue unha grande versatilidade grazas á súa pantalla táctil PixelSense de 12,3 polgadas cunha resolución de 2.736 x 1.824 píxeles, o seu grosor de 8,5 milímetros e o seu peso de 766-786 gramos, de xeito que pode entenderse como unha simple tableta, como un ordenador portátil ou como unha mesa de deseño. Tamén cómpre destacar que estamos ante o primeiro equipo desta gama en contar con opción LTE Advanced, ou sexa, que permitirá gozar da banda larga móbil, o que fará que sexa especialmente atractivo no contorno empresarial.
O novo Surface Pro estará dispoñible en España a partires do 15 de xuño a un prezo que vai dos 949 até os 3.099 euros en función da súa configuración e sen incluír nin a súa característica funda-teclado nin o lapis dixitalizador. O modelo básico tería un procesador Intel Core m3, 4 GB de RAM e 128 GB de SSD, podendo considerarse o seu modelo máis equilibrado o que goza de procesador Intel Core i5, 8 GB de RAM e 256 GB de SSD (cun prezo de 1.449 euros), mentres que a configuración máxima contaría cun procesador Intel Core i7, 16 GB de RAM e 1 TB de SSD. Os modelos con procesador m3 e i5 teñen un sistema de refrixeración sen ventiladores para un funcionamento silencioso, mentres que con procesador i7 optouse cun sistema de refrixeración híbrido mellorado, buscando un funcionamento máis silencioso que o de anteriores versións.
Como detalle curioso cómpre destacar que o equipo conta con portos USB normais, ou sexa, que ao igual que aconteceu con Surface Laptop, dende Microsoft continúan a pensar que aínda non chegou o momento do USB-C.

Vídeo de presentación do novo Surface Pro

PUBLICIDADE