Novo accesorio para converter a PS3 nun gravador de TDT

martes, 16 de febreiro do 2010 Marcus Fernández

Dado que a PlayStation 3 é unha consola de videoxogos con capacidade de alta definición que habitualmente está conectada ao televisor do salón, moitos ven natural dotala de capacidades de gravación de vídeo, de aí que dende hai uns meses comercialicen o PlayTV (que converte á PS3 nun gravador de TDT, aproveitando o disco duro da consola como unidade de almacenamento) e para o 18 de marzo chegará outro produto nesta mesma liña no Xapón, o torne, que conectarase á consola mediante USB e inclúe unha interface moi atractiva para navegar pola guía da programación para seleccionar os contidos que queremos gravar.
O torne permite realizar gravacións programadas tanto cando a consola está en espera ou incluso durante o xogo ou a reprodución de DVD ou Blu-ray, almacenando as gravacións tanto no disco duro interno da PS3 coma en discos duros externos. Porase á venda por 9.980 iens (80,84 euros) e incluso ofrecerase a posibilidade de adquirir unha PlayStation 3 con disco duro de 250 Gb e este accesorio por 42.800 iens (346,68 euros).
Os usuarios que, aparte da PS3 tamén teñan unha PSP, poderán transferir as súas gravacións televisivas á súa consola portátil ou incluso velos remotamente a través de Wi-Fi.

PUBLICIDADE