Novo escáner compacto de Plustek

martes, 10 de abril do 2012 Marcus Fernández

Aínda que na actualidade o tipo de escáner máis habitual é a impresora multi-función, os usuarios en mobilidade precisan de dispositivos máis doados de transportar, de aí que aparezan trebellos como o Plustek MobileOffice D412, un escáner de documentos e tarxetas a cor capaz de dixitalizar unha páxina tamaño DIN A4 en 4,6 segundos, mantendo un tamaño compacto (295 x 69,2 x 50 milímetros) e un peso aceptable (0,77 quilogramos).
Este escáner ten unha resolución óptica de 600 puntos por polgada, pode dixitalizar unha folla polas dúas caras á vez, conéctase ao PC mediante un porto USB, cumpre coa norma TWAIN (o que facilita o seu uso dende a meirande de aplicacións do mercado), pode alimentarse a través dun adaptador ou de USB, conta cun procesador de imaxe avanzado que facilita o escaneo de documentos de diferentes tamaños e tarxetas plastificadas sen facer axustes e realizando un recoñecemento óptico de caracteres (OCR) do resultado, e incluso permite a xeración de documentos PDF ou documentos de Microsoft Office editables.
Este novo escáner xa está á venda nos EE.UU. por 253,48 dólares (193,66 euros), descoñecéndose o prezo que terá cando chegue ao mercado europeo.

O novo dispositivo de Plustek xunta versatilidade e portabilidade

PUBLICIDADE