Novo gamepad de PDP para xogos de loita

mércores, 9 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

Os sistemas de control das consolas de videoxogos están deseñados dun xeito bastante xenérico de xeito que non están optimizados para títulos en concreto, de aí que para os xogos de loita existan tanto réplicas dos mandos de máquinas recreativas coma gamepads de uso específico (que carecen dos 2 sticks analóxicos propios das actuais consolas domésticas de alta definición). Nesta última liña chega agora o Versus Fighting Pad na súa Marvel Editon, que pode conectarse á Xbox 360 por USB e conta con 6 botóns na súa parte dereita (con micro interruptores de alta calidade) e un stick de grande tamaño para manexar co polgar e que opera coma un mando de recreativa.
A carcasa deste mando está decorada cun deseño propio do xogo Marvel vs Capcom 3, que inspirou a chegada ao mercado deste periférico que está á venda por 39,99 dólares (29,31 euros), do que aínda non sabemos se contará con distribución europea, se terá Capcom Edition ou se contará con versión para PlayStation 3. O feito de que esteamos ante un periférico por USB tamén posibilitaría o seu uso nun PC.
Podemos ver máis detalles sobre este novo mando para Xbox 360 no seguinte vídeo:

PUBLICIDADE