Novo mando arcade de 8Bitdo inspirado nas consolas clásicas de Nintendo

xoves, 3 de agosto do 2017 Marcus Fernández

O lanzamento da Nintendo Switch en combinación co lanzamento das versións mini de consolas clásicas de Nintendo fixo que o fabricante de accesorios 8Bitdo conseguise pór bastante de moda os seus mandos Bluetooth baseados nos mandos clásicos de Nintendo, e agora levan o fenómeno un paso máis adiante e abren as reservas do NES30 Arcade Stick, un mando arcade cun deseño inspirado nas consolas clásicas de Nintendo, pero que é ultracompatible, xa que pode empregarse con Windows, macOS, Android e incluso a Nintendo Switch.
Este produto é tan versátil porque realmente é un mando Bluetooth personalizable, que resulta moi cómodo para gozar de xogos de loita porque o seu mando e os seus botóns son dos tamaños propios das máquinas recreativas, resultando bastante atractivo para o seu uso coa Nintendo Switch polo feito de que integra unha batería recargable de 480 mAh (que permite xogar 18 horas tras un par de horas de carga).
Este mando mide 300 x 226 x 116 milímetros, pesa 1,4 quilogramos e, aínda que funciona por Bluetooth, tamén conta cun cable USB de 3 metros, de xeito que podemos empregalo como un mando USB ordinario.
O novo mando de 8Bitdo pode reservarse en Amazon.com a un prezo de 79,99 dólares, estimándose o seu envío a partires do 20 de agosto, aínda que no caso de querer mercalo dende Europa é recomendable agardar a que haxa algún importador que distribúa o produto, xa que por esta canle o seu prezo final quedaría en 108,41 euros.

O mando arcade tamén e compatible con ordenadores persoais por Bluetooth ou cable USB

PUBLICIDADE