Novo móbil 5G económico de Motorola

xoves, 5 de novembro do 2020 Marcus Fernández

No verán Motorola puxo á venda en Europa o Moto G 5G Plus, un smartphone con 5G cun prezo que partía dos 349 euros, converténdose nunha das propostas máis económicas para dar o salto á 5G, e agora mantén esa aposta polos prezos axustados e a 5G achegando ás tendas unha versión sen o apelido Plus a un prezo de 299,99 euros.
O Moto G 5G funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon 750G 5G, 4G de RAM, 64 GB de almacenamento, pantalla Full HD+ de 6,7 polgadas con HDR10, lector de impresións dixitais traseiro, batería de 5.000 mAh con carga rápida de 20 watts (que promete autonomía para un par de días) e resistencia IP52 fronte á auga; a súa cámara traseira tripla ten un sensor principal de 48 Mpíxeles, un grande angular de 8 Mpíxeles e un macro de 2 Mpíxeles así como unha cámara frontal de 16 Mpíxeles (que permite agrupar os píxeles en grupos de 4 para conseguir fotografías de 4 Mpíxeles de maior calidade; e incluso inclúe toma para auriculares e NFC para pagamentos móbiles. Un produto que resultará interesante para os que valoren a incorporación da 5G e queiran axustar o prezo ao máximo, aínda que cómpre advertir que o Moto G 5G Plus con 6 GB de RAM, 128 GB de almacenamento, mellor procesador, mellor pantalla e dobre cámara frontal pode conseguirse actualmente por 329 euros, polo que presenta moitas melloras por unha diferenza de prezo moi cativa.

PUBLICIDADE