Novo monitor táctil de Philips

martes, 10 de decembro do 2013 Marcus Fernández

Para gozar das funcionalidades táctiles de Windows 8 non é preciso optar por un tablet ou un ordenador todo-en-un cunha pantalla táctil, senón que podemos engadirlle a un ordenador actual un monitor táctil como o que vén de presentar Philips, o SmoothTouch 231C5TJKFU, que chega cun panel IPS Full HD de 23 polgadas con 10 puntos táctiles que para funcionar precisan de conectar a pantalla ao ordenador por USB.
Este monitor con Philips SmoothTouch é compatible cos xestos táctiles de Windows 8, abre tamén a porta aos xogos táctiles pensados para tablets dende o noso escritorio, conta tamén con webcam e micrófono para facilitar a realización de videoconferencias e incorpora un par de altofalantes de 2 vatios RMS. Está equipado cunha peaña regulable (SmartStand) que permite inclinar o monitor cara atrás para facilitar o seu uso táctil e goza de boa conectividade (soporta USB 3.0, tanto para transferir datos como para cargar dispositivos, e inclúe conexións DisplayPort, HDMI e VGA).
O prezo de venda deste atractivo monitor é de 499 euros.

O novo monitor de Philips facilita un cómodo uso das súas funcionalidades táctiles

PUBLICIDADE