Novo monitores gaming económicos de AOC

martes, 10 de febreiro do 2026 Redacción

AGON by AOC amplía a súa oferta de monitores gaming coa chegada dos modelos AOC Gaming 24G4ZR e 27G4ZR, dúas pantallas que elevan as prestacións da gama básica orientada ao xogo competitivo. Ambos os dispositivos, de 23,8 e 27 polgadas respectivamente, apostan por paneis Fast IPS con frecuencias de actualización overclockeadas de ata 260 Hz (240 Hz nativos), tempos de resposta de ata 1 ms GtG e un MPRT de 0,3 ms, mantendo resolución Full HD e prezos accesibles.
Estas especificacións, tradicionalmente reservadas a modelos de gama alta, chegan agora a un segmento pensado para xogadores que dan os seus primeiros pasos no ámbito competitivo. Os novos monitores intégranse así na serie G4 xunto a opcións xa existentes de 200 Hz, ampliando as alternativas para quen busca fluidez e claridade en títulos de ritmo rápido.
Os 24G4ZR e 27G4ZR son compatibles con Adaptive-Sync e contan con certificación oficial NVIDIA G-SYNC, o que permite eliminar o tearing en escenarios con frecuencias variables. Ademais, a función MBR Sync posibilita empregar de maneira simultánea a sincronización adaptativa e o estroboscopio de retroiluminación, acadando MPRT inferiores a 1 ms nun amplo rango de frecuencias, desde 48 ata 260 Hz. Por defecto, os monitores funcionan a 240 Hz, aínda que o modo overclockeado pódese activar de forma sinxela desde o menú en pantalla ou mediante o software G-Menu.
No apartado visual, os paneis Fast IPS combinan rapidez con fidelidade cromática e amplos ángulos de visión. O modelo de 27 polgadas cobre o 121,5 % do espazo sRGB e o 92,3 % de DCI-P3, mentres que a versión de 23,8 polgadas alcanza o 111,7 % de sRGB e o 87,7 % de DCI-P3. Cun brillo de 300 cd/m² e ángulos de 178 graos, a marca asegura unha visualización uniforme tanto en partidas intensas como en contornas colaborativas.
Ambos os modelos inclúen soportes ergonómicos con axuste de altura de ata 130 milímetros, inclinación, xiro e pivote, pensados para sesións prolongadas de xogo. O deseño sen marco en tres lados facilita configuracións con varios monitores e a compatibilidade con montaxe VESA 100x100 permite o uso de brazos ou soportes de parede. Para quen prioriza o prezo, AGON by AOC lanzará tamén as variantes 24G4ZRE e 27G4ZRE, que manteñen o mesmo rendemento pero con soporte só inclinable.
A conectividade complétase con dúas entradas HDMI 2.0 e un DisplayPort 1.4, xunto con funcións orientadas ao coidado visual como a tecnoloxía sen escintileo e o filtro de baixa luz azul integrado a nivel de hardware.
Os novos monitores chegarán ao mercado este mesmo mes con prezos recomendados de 149,90 euros para o 24G4ZR, 129,90 euros para o 24G4ZRE, 169,90 euros para o 27G4ZR e 149,90 euros para o 27G4ZRE.