Novo proxector 4K de LG con modo cinematográfico

luns, 31 de agosto do 2020 Marcus Fernández

LG vai levar á edición virtual da IFA de Berlín que terá lugar nos vindeiros días o seu novo proxector LG CineBeam 4K UHD Laser modelo HU810P, que promete unha experiencia cinematográfica no fogar ao ser capaz de proxectar imaxes cunha resolución de 3.840 x 2.160 píxeles a un tamaño de até 300 polgadas e cun brillo de 2.700 lumenes ANSI, á vez que mantén unha vida bastante boa (unhas 20.000 horas).
Este proxector, con soporte dos formatos HDR máis populares, é apto para estancias escuras ou luminosas, e non só ofrece unha experiencia cinematográfica polo tamaño e a resolución da imaxe que proxecta, senón tamén por contar cun modo cinematográfico que mantén a velocidade de refresco nos 24 Hz, respectando así o número de fotogramas orixinais das producións para pantalla grande, aínda que os que prefiran gozar de imaxes de alta velocidade tamén poden activar o modo TruMotion.
O proxector pode recibir contidos por HDMI 2.1, conta con conectividade WiSA e Bluetooth para audio sen fíos (bo complemente aos seus altofalantes estéreo de 5 watts cada un) e, como vén ser habitual nos proxectores de LG modernos, funciona con webOS 5.0, de xeito que conta con aplicacións de vídeo baixo demanda como YouTube, Netflix ou Disney+, e tamén é compatible con Apple AirPlay 2 e coa funcionalidade de Screen Share pode presentar ao grande as imaxes do noso smartphone ou tableta.

PUBLICIDADE