Novo rato que se pode transportar pegado ao portátil

mércores, 13 de agosto do 2008 Marcus Fernández

Con sistema Clip-and-Go poderemos transportar o rato dun xeito cómodo e doado

Os usuarios de ordenadores portátiles continúan a facer uso dos ratos para manexar o ordenador, pois os trackpads non resultan tan cómodos e precisos, polo que é normal ver ratos moi compactos para facilitar o seu transporte, pero dende Logitech dan un paso máis adiante e lanzan o seu V550 Nano, que non só ten un tamaño reducido, senón que tamén se pode transportar pegado ao portátil grazas ao sistema Clip-and-Go, que pode funcionar con calquera portátil do mercado.
O novo rato comunícase co ordenador sen fíos, incorporando un receptor USB de tamaño moi reducido, e a alimentación do V550 Nano é mediante pilas, que segundo o fabricante duran 18 meses (que sería a meirande autonomía acadada por Logitech ata o momento).

O receptor sen fíos do V550 Nano tamén ten un tamaño moi reducido

O Logitech V550 Nano funciona con láser, o que lle dá unha boa precisión sobre case calquera superficie e o seu sistema de roda de desprazamento é de xiro libre e rápido (aínda que se pode conmutar a un modo máis preciso premendo sobre o botón).
O prezo de venda deste novo rato é de 49,99 euros.

PUBLICIDADE