Novo reprodutor musical para levar de Philips

mércores, 28 de marzo do 2012 Marcus Fernández

Dende o lanzamento do iPod shuffle son cada vez máis habituais os reprodutores multimedia portátiles que poden vestirse, normalmente por adoptar forma de pinza, o que fai dun xeito bastante orixinal o reprodutor de MP3 GoGEAR SoundDot de Philips, que adopta un deseño moi cativo, colorista e elegante, unha forma redonda, unha interface de uso moi sinxela, unha boa autonomía (ata 6 horas de reprodución musical continua) e un prezo bastante axustado (uns 20 euros).
O SoundDot chegará en abril e varias cores (rosa, azul e e branco) e resulta bastante práctico con funcionalidades como a posibilidade de funcionar como unha memoria USB (facilitando a carga de contidos nos seus 2 Gb de almacenamento interno) ou o permitir cargas rápidas (6 minutos de carga permitirían unha autonomía de 60 minutos de reprodución). Tamén conta con indicadores LED para saber se o trebello está acendido ou está a quedar sen batería.
Este dispositivo que reproduce ficheiros MP3, WAV e WMA ten unhas medidas de só 42,3 x 57 x 19 milímetros e un peso de 19 gramos.

O GoGEAR SoundDot pode colocarse na roupa grazas a unha pinza integrada

PUBLICIDADE