Novo televisor con gravación de Blusens

venres, 15 de abril do 2011 Marcus Fernández

Os televisores de medio tamaño teñen moito éxito fóra do salón doméstico, e cociñas e dormitorios, pero ocupar un espazo reducido non significa que haxa que prescindir de prestacións avanzadas, ou iso entenden dende Blusens, compañía galega que incorporou hai pouco ao seu catálogo o televisor H305C, que cunha pantalla LED de 26 polgadas cunha resolución de 1.366 x 768 píxeles é capaz de recibir e gravar TDT de alta definición e reproducir contidos multimedia a través de USB (incluíndo os populares arquivos de alta definición Matroska MKV/H.264). O seu prezo de venda é de 279 euros.
Este televisor LED tamén conta cunha fenda Common Interface compatible coas tarxetas de TDT Premium, 3 entradas HDMI, 1 porto USB 2.0, entrada de audio e vídeo composto, entrada de vídeo por compoñentes, euroconector, toma VGA, saída de audio dixital coaxial e toma para auriculares.
No que a reprodución multimedia se refire, este televisor de 26 polgadas soporta ficheiros JPEG, BMP, PNG, MP3, AAC, M4A, MPEG-1/2, MPEG-4 (AVI), .TS, MKV e MP4 dende unidades USB formatadas en FAT32 ou NTFS, mentres que a gravación da TDT HD faia en unidades en FAT32 en arquivos .TS (de xeito que conserva varias pistas de audio e subtítulos).

PUBLICIDADE