Novo xogo de balde cos superheroes da Marvel

venres, 30 de xuño do 2017 Marcus Fernández

Os afeccionados aos personaxes da Marvel poden gozar en consola do xogo Marvel Heroes Omega, que combina a xogabilidade de xogos de rol de acción e de xogos masivos en liña cun inmenso catálogo de personaxes como Spider-Man, Iron Man, Thor, Hulk, Lobezno ou os integrantes dos Defensores, os X-Men ou os Gardiáns da Galaxia, que poderán progresar durante milleiros de horas, lucir ducias de traxes e superar retos que irán actualizándose cada pouco tempo para manter a unha boa base de xogadores enganchados xa que estamos ante un título free-to-play, ou sexa, que xa o podemos descargar de balde para Xbox One ou para PlayStation 4, mentres que a versión para PC e Mac farase esperar un chisco máis.
O xogo presenta unha historia escrita polo guionista Brian Michael Bendis na que o Dr. Doom fíxose co Cubo Cósmico, artefacto capaz e mudar o tecido da realidade, polo que xuntou a un grupo de malvados para evitar que os superheroes interfiran na súa reorganización do mundo á súa propia imaxe. Unha interesante base para un xogo no que poder gozar do xogo con amigos e que aspira a xuntar a máis dun millóns de xogadores en liña.

En Marvel Heroes Omega numerosos personaxes unirán forzas para estragar os plans do Dr. Doom.

Vídeo promocional de Marvel Heroes Omega

PUBLICIDADE