Novos Realme 9 con 5G

xoves, 10 de marzo do 2022 Marcus Fernández

Os móbiles de gama media de Realme están a apostar pola 5G, e así veñen de presentar na India dos Realme 9 5G e Realme 9 5G Speed Edition, que probablemente veremos pronto en Europa e que prometen unha magnífica relación entre prestacións e prezo.
O Realme 9 5G ten unha pantalla Full HD+ de 6,5 polgadas cunha velocidade de refresco de 90 Hz cunha perforación para unha cámara frontal de 16 Mpíxeles, a cámara traseira tripla ten un sensor principal de 48 Mpíxeles, funciona cun procesador MediaTek Dimensity 810 5G, 4/6 GB de RAM, 64/128 GB de almacenamento, batería de 5.000 mAh con carga rápida de 18 watts, lector de impresións dixitais no botón de acendido, un grosor de 8,5 milímetros e un peso de 188 gramos. O modelo con 4 GB de RAM e 64 GB de almacenamento ten un prezo de 14,999 rupias (179 euros) e con 6 GB e 128 GB de almacenamento véndese a 17.499 rupias (208 euros), polo que ten un prezo moi axustado para un smartphone con 5G.
Por outra banda, o Realme 9 5G Speed Edition é moi semellante, pero incrementa as súas prestacións ao estar equipado cun procesador Qualcomm Snapdragon 778G 5G, 6/8 GB de RAM, 128 GB de almacenamento. A súa pantalla de 6,6 polgadas ten unha impresionante velocidade de refresco de 144 Hz (pensando nos amantes dos videoxogos), a súa batería de 5.000 mAh ten carga rápida a 30 watts (de xeito que pode cargarse ao 50% en só 25 minutos) e o seu prezo é de 19.999 rupias (238 euros) para o modelo con 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento, mentres que o modelo con 8 GB de RAM custa 22.999 rupias (274 euros). Un prezo bastante contido para un smartphone con tal rendemento, que parece destinado a competir co Xiaomi 11 Lite 5G NE.

PUBLICIDADE