Os novos Samsung Galaxy A52, A52 5G e A72 ofrecen grandes prestacións a un prezo contido

mércores, 17 de marzo do 2021 Marcus Fernández

Samsung celebrou hoxe o seu Galaxy Awesome Unpacked, un evento virtual para presentar os seus novos teléfonos Galaxy A52, A52 5G e A72, que destacan por pór as últimas tecnoloxías ao alcance de usuarios que non están dispostos a realizar o grande investimento que supoñen os terminais de gama alta. Esta nova gama de móbiles Galaxy A facilitan unha experiencia única grazas a unha nítida pantalla AMOLED, unha interacción suave (con refresco a 120 Hz no Galaxy A52 5G e de 90 Hz nos Galaxy A52 e A72) e as características máis representativas da marca, como resistencia á auga IP67 e batería de longa duración (de 4.500 mAh no A52 e de 5.000 mAh no A72). Tamén facilitan o acceso ao ecosistema de dispositivos Galaxy e incluso gozar dunha veloz conexión 5G (no caso do Galaxy A52 5G).
As cámaras destes móbiles tampouco quedan atrás, apostando por unha cámara traseira cuádrupla cun sensor principal de 64 Mpíxeles capaz de gravar vídeo 4K; o seu estabilizador óptico de imaxe garante imaxes e vídeos nítidos e estables; contan cun avanzado modo noite para conseguir imaxes luminosas incluso na escuridade; e tamén conta con funcións divertidas como filtros e AR Emoji. A cámara frontal está situada nun orificio en pantalla e ten un sensor de 32 Mpíxeles. O Galaxy A72 tamén destaca por incorporar teleobxectivo de 3x e 8 Mpíxeles (que substitúe ao sensor de profundidade de 5 Mpíxeles dos A52).
Os novos teléfonos tamén inclúen NFC, altofalantes estéreo e a posibilidade de ampliar a súa capacidade de almacenamento interna con tarxetas de até 1 TB. Outro argumento moi a favor destes móbiles é que contará con actualizacións do seu sistema operativo até 3 xeracións e de seguridade até un mínimo de 4 anos.
O Samsung Galaxy A52, con pantalla de 6,5 polgadas, 6 GB de RAM e 128 Gb de almacenamento terá un prezo de 349 euros, mentres que o modelo con 8 Gb de RAM e 256 GB de almacenamento custará 409 euros. As súas versións 5G custarían 429 e 489 euros respectivamente. E, finalmente, o Galaxy A72 con pantalla de 6,7 polgadas, 6 GB de RAM e 128 GB de almacenamento venderase a 449 euros e a súa versión con 8 GB de RAM e 256 GB de almacenamento custará 509 euros.

Vídeo do evento virtual de Samsung no que presentaron os novos Galaxy A

PUBLICIDADE