Novos nVIDIA SHIELD TV

luns, 28 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Dende hai anos nVIDIA ten unha impresionante máquina que funciona con Android e pode facer tanto de consola de videoxogos como de centro multimedia, a nVIDIA SHIELD TV, completo produto que renóvase dun xeito curioso: presentado un par de modelos con procesadores nVIDIA Tegra X1+ (que conseguen mellorar un 25% o rendemento fronte ao anterior modelo), contan con Dolby Vision e Dolby Atmos, e incluso presumen do uso da intelixencia artificial para conseguir sobreescalar vídeo HD a 4K con grande calidade.
Pero o máis curioso destes novos modelos é que a nVIDIA SHIELD TV normal muda totalmente o seu formato, para presentarse como un produto compacto (mide 16,5 x 4 x 4 centímetros) que aposta pola conectividade sen fíos e ten un prezo contido (159,99 euros), mentres que a nVIDIA SHIELD TV Pro, cun prezo de 219 euros, presenta o dobre de almacenamento (16 GB) e un par de portos USB 3.0 (moi prácticos para conectar unidades de memoria USB dende as que servir ou acceder a contidos multimedia, de aí que esta versión tamén conte coa posibilidade de correr o Plex Media Server). Ambos trebellos veñen cun mando a distancia que inclúe un micrófono dende o que poder dar ordes co Asistente de Google (sendo tamén compatible con Amazon Alexa).
Como dispositivos para a reprodución multimedia estamos ante unha das mellores opcións do mercado, polas súas posibilidades de procesamento de vídeo e de audio, á vez que tamén pode salientarse o feito de que estes dispositivos son compatibles coa versión en probas de GeForce NOW (solución de xogos en liña por streaming).
Aínda que boa parte das funcións dos trebellos nVIDIA SHIELD TV estean actualmente integradas en televisores, o feito de poder contar cun dispositivo máis específico abre novas posibilidades e dá unha maior capacidade de elección á hora de mercar un televisor (poder engadir Android TV mediante un dispositivo externo resulta tan sinxelo como versátil, garantindo unha maior vida útil do televisor).

PUBLICIDADE