Nuheara prepara uns auriculares Bluetooth que poden funcionar como audiófonos

xoves, 7 de abril do 2016 Marcus Fernández

Resulta complicado innovar nos sistemas de mans libres Bluetooth, que ultimamente centran a súa intelixencia nos smartphones en vez de nos propios accesorios, pero Nuheara pensa que atinou coa tecla a pulsar para conseguir atender unha demanda existente, de aí que se lanzase a Indiegogo para comercializar os seus IQbuds, auriculares sen fíos que poden reservarse por dende 189 dólares (192 euros se incluímos os gastos de envío a España) e que destacan por integrar tecnoloxía de cancelación de ruído e a unha funcionalidade para potenciar a escoita do que temos ao redor.
Temos así un par de auriculares que poden empregarse como mans libres para chamadas telefónicas, permiten escoitar música ou outros contidos sonoros en estéreo a través de Bluetooth, integra cancelación de ruído activa para eliminar os ruídos de fondo ao noso redor, aproveita os seus micrófonos para poder escoitar mellor as conversas con outras persoas, facilita a reprodución de contidos por Blueooth escollendo o nivel de ruído ambiental que queiramos aceptar (por exemplo, para poder empregalos pola rúa con seguridade) e cunha boa autonomía (os auriculares poden funcionar de xeito constante durante 4 horas, pero a súa funda de transporte integra unha batería adicional que permite recargar os auriculares até 3 veces, de xeito que achegarían até 16 horas de uso en mobilidade).
Os IQbuds de Nuheara levan meses en probas de uso diario en EE.UU. e Australia, con moi boa aceptación, como tamén acontece na súa campaña de micromecenado, que superou os 100.000 dólares nas primeiras 24 horas, e en menos de tres días case multiplicou por 5 a meta que tiñan fixada dende Nuheara para o mes que durará esta campaña que pretende entregar o produto final aos mecenas no mes de decembro.

Os auriculares inclúen unha funda que os pode recargar até 3 veces

Vídeo de presentación dos IQbuds

PUBLICIDADE