O 1 de abril A Industriosa celebra en Vigo unha nova kata de Python

mércores, 29 de marzo do 2023 S. P.

O vindeiro sábado 1 de abril (en horario de 11.00 a 12.30) continuarán en Vigo as katas de Python de A Industriosa, un evento informal e aberto a calquera persoa que se anime a “participar e compartir unha hora e media da linguaxe de programación Python, café e ou té”.
Inspirados nos katayunos, dojos e actividades semellantes, o formato das katas da Industriosa teñen un formato de grupos de entre dúas e tres persoas para resolver un reto de programación, compartir e mellorar as nosas habilidades de Python.
“Durante 90 minutos intentaremos resolver o reto, desenvolvéndoo iterativamente e co obxectivo de aprender novos enfoques do problema”, explican dende a organización, engadindo que para aborar os desafíos botarase man de ferramentas como LeetCode ou Hackerrank.
As edicións das katas anteriores están xa subidas á Rede para ser consultadas por calquera persoa interesada en participar.
“O único que necesitamos é acudir co desexo de compartir e aprender. Non é esencial traer un portátil e tampouco e imprescindíbel instalar Python xa que traballaremos en recursos online”, engaden dende A Industriosa.
Como dixemos, a participación é gratuíta. Temos máis información sobre a xeira de traballo en Meetup.
Trátase dun evento organizado por A Industriosa e coa colaboración de Python Vigo e patrocinado por Xunta de Galicia e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA).
Para quen non o saiba, Python é unha linguaxe de programación amplamente utilizada nas aplicacións web, o desenvolvemento de software, a ciencia de datos e o Machine Learning (ML). Os desenvolvedores utilizan Python porque é eficiente e doado de aprender, ademais de que se pode executar en moitas plataformas diferentes.

PUBLICIDADE