O 22 de marzo celébrase na Coruña a 1ª edición do encontro tecnolóxico galego LareiraConf
luns, 10 de febreiro do 2025
Xa queda menos para a celebración da primeira entrega de LareiraConf, punto de encontro para todas as persoas “apaixonadas da tecnoloxía” e cuxo obxectivo, en palabras da organización, é “reunir os membros das distintas comunidades técnicas e outros desenvolvedores, estudantes e profesionais TI nun espazo onde poidan aprender, compartir experiencias e conectar outros lareireiros e lareireiras”. Será o 22 de marzo de 2025 no Paraninfo da Universidade da Coruña, propoñendo ser “o epicentro da comunidade tecnolóxica galega”.
Este evento, organizado por Sysarmy Galicia e GPUL, coa colaboración de Python Coruña e CoruñaWTF, reunirá a destacados relatores e participantes do sector das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) para explorar temas de actualidade e fomentar conexións para crear comunidade.
Na súa primeira edición, LareiraConf presentará un formato de charlas nun único track. Abordaranse temas como software libre, deseño de videoxogos, DevOps e Data e aspectos legais e desenvolvemento profesional. Entre as relatoras e relatores atópanse David Bonilla, fundador da Bonilista e TRG, Jose Sendín, avogado especializado en dereito tecnolóxico, Brais Moure, desenvolvedor multiplataforma e divulgador con máis de 2M de seguidores, Cristina Barreiro, desenvolvedora de videoxogos con experiencia en Riot Games e Bandai Namco e Jose Manrique, experto en open source e colaborador en múltiples proxectos.
Ademais das charlas, LareiraConf contará con espazos de networking deseñados para fomentar o intercambio de ideas e a creación de conexións entre os asistentes.