O Acer Jade Primo baixa de prezo en España

martes, 18 de outubro do 2016 Marcus Fernández

A primeiros de ano Acer puxo á venda en España o que definían como un «teléfono PC», o Acer Jade Primo a un prezo de 599,99 euros, que resultaba moi atractivo por poder gozar de Continuum, ou sexa, para poder conectalo a un teclado, un rato e un monitor e así funcionar como unha especie de ordenador persoal, aínda que limitando o seu software ás aplicacións modernas de Windows 10. Deste xeito permitiría que os usuarios profesionais puidesen levar a súa oficina no peto, sen depender da nube para os seus ficheiros ofimáticos, xa que os seus documentos persoais poderían ir sempre no teléfono e funcionar incluso onde non houbese conexión á Rede.
Pero este produto, ao funcionar con Windows 10 non é un dos mellores móbiles do mercado (pese ás súas especificacións de alta gama) xa que está moi limitado a nivel de aplicacións, detalle que algúns consumidores poderán pasar por alto a partires de agora de ter en conta a baixada de prezo que vén de experimentar na tenda en liña de Microsoft, onde está dispoñible por 299 euros incluíndo a base, un teclado e un rato, de xeito que sería un produto sumamente versátil a un prezo moi axustado.
Amais cómpre destacar que o Acer Jade Primo é un smartphone cun potente procesador Qualcomm Snapdragon 808, 3 GB de RAM, 32 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas de memoria de até 128 GB), pantalla AMOLED Full HD de 5,5 polgadas, cámara traseira de 21 Mpíxeles con dobre flash LED, cámara frontal de 8 Mpíxeles, dobre SIM, USB-C, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.0, batería de 2.870 mAh, 8,4 milímetros de grosor e 150 gramos de peso. Unhas prestacións difícil de igualar ao prezo actual.

PUBLICIDADE