O Archos 5 Internet Tablet funciona co sistema operativo Android

mércores, 16 de setembro do 2009 Marcus Fernández

O anticipado Archos 5 Internet Tablet é unha realidade, de xeito que xa pode mercarse este reprodutor multimedia con pantalla táctil de 5 polgadas e unha resolución de 800 x 480 píxeles que funciona co sistema operativo Android, o que podería sorprender lixeiramente por non tratarse dun teléfono móbil.
Este trebello accede á Rede a través de Wi-Fi (compatible co estándar IEEE 802.11n) ou Bluetooth, e conta cun navegador web baseado en Webkit (coma Google Chrome e Safari), polo que podemos pensar que o acceso á web é a súa principal característica, pero o certo é que destaca máis polas súas capacidades multimedia, reproducindo vídeo en distintos formatos incluíndo MPEG-4 e H.264 (ata unha resolución de 720p), WMV a resolución estándar, M-JPEG, MPEG-2 e WMV HD (estes dous últimos adquiribles aparte).
Tamén pode empregarse para escoitar ficheiros MP3, WMA, WAV, AAC, Flac e Ogg Vorbis (o soporte de AC3 e 5.1 tamén adquírese por separado) e para ver fotografías en JPEG, BMP, JPG e GIF.
O Archos 5 Internet Tablet integra GPS con 7 días de acceso de balde a un software de navegación con imaxes reais 3D dunhas 2.000 cidades e con mapas de TeleAtlas, dende o que ofrece navegación por voz e incluso un modo de uso a pé.
É posible adquirir unha base para o reprodutor multimedia que permite convertelo nun gravador de vídeo e conta con distintas saídas de vídeo (incluíndo HDMI), aínda que tal DVR Station non é precisamente barato (custa 149,95 euros).
Aínda que o Archos 5 Internet Tablet conta cun lector de tarxetas microSDHC, véndese cunha capacidade de almacenamento de disco bastante boa, cun modelo de 32 Gb a 299,99 euros e outro de 160 Gb a 349,99 euros.

PUBLICIDADE