O Asus ZenBook Pro UX501 consegue facer fronte ao MacBook Pro

luns, 27 de abril do 2015 Marcus Fernández

Asus parece querer facer fronte a Apple dentro dos ordenadores portátiles de alta gama, e para que ese rango de produtos non quede acaparado polo MacBook Pro, pon á venda o impresionante ZenBook Pro UX501, un portátil con acabado metálico e grande potencia, que presume dunha pantalla IPS de ultra alta definición (3.840 x 2.160 píxeles) e unha gráfica nVIDIA GeForce GTX 960M con 4 GB DE GDDR5, que fai que este equipo sexa dabondo para correr xogos de nova xeración e para usos profesionais con vídeo e gráficos 3D. Outra das chaves do bo rendemento deste equipo estaría na súa unidade SSD, que conseguiría velocidades de lectura/escritura de até 1.400 MB/segundo, o que sería 16 veces a velocidade dun disco duro SATA III de 500 GB. Avanzando na súa velocidade tamén fai uso de portos USB 3.0 e conectividade Wi-Fi AC de até 867 Mbps (tres veces a velocidade de conexións Wi-Fi N).
Se entramos ao detalle, o equipo funciona cun procesador Intel Core i7 4720HQ de catro núcleos, 4/8 GB de memoria DDR3L a 1.600 MHz (ampliable até 16 GB), varias opcións de almacenamento (como disco duro de 1 TB ou até unha SSD de 512 GB PCIe x4), gráfica nVIDIA GTX 960M con 2/4 GB de VRAM, pantalla IPS de 15,6 polgadas Full HD ou de ultra alta definición, Wi-Fi AC, Bluetooth 4.0, Fast Ethernet, lector de tarxetas de memoria, 3 portos USB 3.0, saída HDMI, saída mini Display Port, 1 porto Thunderbolt (opcional) webcam de alta definición e batería de 4/6 celas (de xeito que o equipo pesaría 2,06 ou 2,27 quilogramos respectivamente).
Este equipo con Windows 8.1 só tería un aspecto no que claramente quedaría por abaixo do portátil de Apple, a autonomía, xa que o Asus ZenBook Pro UX501 coa súa batería de 6 celas podería funcionar unhas seis horas en traballos de produtividade ou reproducindo vídeo, mentres que un MacBook Pro de 15 polgadas tería unha autonomía de até 8 horas (aínda que cómpre destacar que a pantalla do equipo de Asus ten unha resolución superior).
Este atractivo portátil xa pode adquirirse nos EE.UU. a un prezo de 1.799 dólares (1.653 euros).

PUBLICIDADE