O BlackBerry KEYone chegará en abril a un prezo de 599 euros

luns, 27 de febreiro do 2017 Marcus Fernández

Aínda que esperábase que BlackBerry levase o seu novo smartphone con teclado ao CES de Las Vegas (onde só deixaron botarlle unha ollada), finalmente houbo que esperar ao Mobile World Congress para que a marca, agora en mans de TCL Communication, presentase o seu BlackBerry KEYone, que pese ao que esperaban moitos consumidores amantes da marca parece ser unha grande decepción principalmente por un factor: sairá á venda en abril a un prezo de 599 euros. Temos así que o novo fabricante que se encargará da marca BlackBerry ten en demasiada boa consideración unha marca que actualmente ten unha cota de mercado do 0,0%, e que precisamente caeu por tentar recuperar posicións no mercado con terminais con prezos pouco acordes coa súa posición no mercado.
O BlackBerry KEYone será un smartphone con pantalla de 4,5 polgadas cunha resolución de 1.620 x 1.080 píxeles, que non chegaría ao tamaño ao que estamos afeitos actualmente para deixar espazo para o seu teclado QWERTY físico. Tamén conta con cámara traseira Sony de 12 Mpíxeles, batería de 3.505 mAh con carga rápida (pode cargarse até a metade da súa capacidade en só 36 minutos) e funciona cunha versión de Android centrada na seguridade (baseada en Android 7.1) e coa solución de mensaxería unificada BlackBerry Hub integrada.
Temos así un smartphone que pode lembrar ao BlackBerry Priv, pero que desta volta conta cunhas especificacións máis modestas (procesador Qualcomm Snapdragon 625, 3 GB de RAM e 32 GB de almacenamento) polo que o seu elevado prezo é moi difícil de xustificar, e probablemente esteamos ante un intento máis de recuperar sen éxito a marca BlackBerry, aínda que os incondicionais dos teclados físicos que non teñan problemas de orzamento posiblemente dean unha oportunidade a este novo terminal.

PUBLICIDADE