O BlackBerry Presenter permite amosar documentos de PowerPoint dende o móbil

xoves, 7 de xaneiro do 2010 Marcus Fernández

Para os usuarios de terminais BlackBerry a xente de RIM desenvolveu un novo dispositivo que facilita a realización de presentación multimedia dende o móbil, evitando así que teñan que cargar cun ordenador portátil para amosar os seus documentos de PowerPoint en público.
O BlackBerry Presenter é un dispositivo de 8,6 x 6 x 2,3 centímetros con conexións USB e Bluetooth 2.0 e saídas de vídeo S-Video e VGA soportando resolucións de 640 x 480, 800 x 600 e 1.024 x 768 píxeles, de xeito que as presentacións de PowerPoint 2003 ou 2007 gardadas nun móbil BlackBerry poden copiarse á memoria interna do Presenter para poder velas nun monitor ou nun proxector de vídeo, controlando o proceso mediante Bluetooth, de xeito que o móbil tamén actúa coma mando a distancia.
Cómpre destacar que están ante un produto destinado a un público moi determinado, especialmente porque o seu prezo de venda será duns 199 dólares, o que resulta bastante elevado para a súa limitada utilidade.

PUBLICIDADE