O CCG publica un catálogo virtual da mostra Afonso X e Galicia
venres, 11 de xuño do 2021
O
Consello da Cultura Galega vén de engadir na rede o catálogo da
exposición Afonso
X e Galicia
para celebrar o 800 aniversario do nacemento de Afonso X. A
publicación, que está en galego, inglés e castelán e nace como
complemento á mostra presencial de Ourense, é interactiva e xa se
pode consultar e descargar no espazo
web do CCG.
O catálogo
ofrece un discurso lineal por temas arredor da figura de Afonso X,
que explica a súa orixe, a súa valía, a súa obra e as súas
conquistas. “É o texto de referencia ilustrado con exemplos e ten
unha virtudes propias dun libro electrónico como o son e a
capacidade de interactuar co catálogo”, explicou o seu comisario,
Antoni Rossel.
Esta
iniciativa sae como complemento á exposición homónima que acolle o
Centro Sociocultural Marcos Valcárel de Ourense ata o 22 de agosto,
que pretende achegar a figura do rei sabio desde unha óptica galega.
Outro dos espazos está destinado a ofrecer a vida e conflitos
persoais do monarca, ademais da música e instrumentos medievais coas
distintas reproducións chegadas desde o CENTRAD da Deputación de
Lugo, que leva anos traballando neste eido. A última zona da
exposición está dedicada a ilustrar graficamente a sociedade
medieval e a vida do monarca a través das imaxes do Códice Rico do
Escorial das Cantigas
de Santa María.
A
exposición ten diferentes niveis de lectura, a través de códigos
QR que remiten a un espazo web onde se aloxan textos recitados,
música e información, ademais do catálogo virtual para enriquecer
a visita. “O catálogo é a guinda que lle faltaba ao pastel, dálle
unidade e pecha o círculo”, explica o músico Antoni Rossell.