O CEI-Nodus de Lugo incorpora novos proxectos empresariais
martes, 25 de marzo do 2025
O Centro de Empresas e Innovación do Concello de Lugo (CEI Nodus) vén de renovarse coa chegada de novos emprendedores e emprendedoras, completando así a ocupación total dos espazos dispoñíbeis neste viveiro de empresas municipal. O alcalde, Miguel Fernández, deulles a benvida: “Estamos encantados de incorporar a estes cinco novos proxectos, que aportan innovación, dinamismo e servizos moi diversificados”.
Engadiu que “o O CEI-Nodus é un exemplo de apoio efectivo ás empresas emerxentes, e a ocupación total dos seus espazos demostra a confianza que os emprendedores depositan no noso modelo de xestión e apoio".
Os novos proxectos que se incorporan ao CEI Nodus abranguen sectores moi diversos pero teñen en común o espírito innovador, sendo un par deles de vertente tecnolóxica:
-Ruxe Branding (Despacho nº5), de Jesús Arias, axencia especializada en branding, mercadotecnia dixital e deseño de marca.
-Slaccode (Despacho nº12), de Cristian Piedrahita, consultoría estratéxica enfocada en solucións tecnolóxicas innovadoras.
“A incorporación de novos proxectos como estes significa que seguimos sendo un lugar de referencia para quen quere poñer en marcha o seu negocio cun apoio sólido detrás. Desde o Concello queremos seguir impulsando iniciativas que xeren emprego, innovación e novas oportunidades para a veciñanza”, destacou Fernández.
O CEI‐Nodus, en funcionamento desde novembro de 2004, conta con 23 espazos para o desenvolvemento de empresas de nova creación, ademais de talleres, laboratorios e un espazo traballo colaborativo (coworking). Nos últimos cinco anos, acolleu a 137 empresas e asesorou a máis de 250 emprendedores.
Neste senso, o alcalde apuntou que “a elevada demanda deste viveiro de empresas demostra tamén a súa utilidade como plataforma de lanzamento para novos negocios; non en van, baixo o seu paraugas, xa se desenvolveron máis dun centenar de empresas na cidade, elevándose a porcentaxe de supervivencia das mesmas por riba dun 75%”.
A cesión dos locais será por unha vixencia temporal de doce meses, prorrogábeis por iguais períodos, ata un máximo de trinta e seis meses (3 anos), para favorecer a renovación das empresas e o apoio ao maior número de proxectos posíbel.