O CESGA introdúcenos en xuño nas potencialidades da súa plataforma Hadoop 3

martes, 21 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

O vindeiro 11 de xuño, en horario de 10.00 a 13.00 horas, o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) vai acoller un obradoiro sobre análise de información a gran escala poñendo o foco principal nas funcionalidades e potencialidades da súa nova plataforma Hadoop 3, orientada precisamente ao ámbito do Big Data. O taller servirá para introducir aos participantes nas ferramentas dispoñíbeis ao abeiro da dita plataforma que inclúe igualmente a nova versión de Spark 2.4. A maiores, a sesión formativa servirá de alicerce para posteriores talleres sobre ferramentas específicas incluídas na plataforma, por exemplo Spark.
A cita será na sede do CESGA, e está destinada a usuarios actuais da devandita plataforma e, tamén, a novos desevolvedores que precisen acceso a ferramentas útiles e eficaces de tratamento e análise da información a gran escala. Achegaralles coñecemento sobre como conectarse á plataforma Hadoop3 , sobre como transferir datos de xeito eficiente, sobre as ferramentas que están dispoñíbeis e sobre como lanzar estas ferramentas.
Hadoop, para quen non o saiba, é un sistema de código aberto que se emprega para almacenar, procesar e analizar grandes volumes de datos, executando aplicacións en clústers de hardware básicos. Permite, entre outras cousas, illar aos desenvolvedores dos atrancos propios da programación paralela, é quen de executar procesos en paralelo en todo intre e proporciona acubillo masivo para calquera cantidade de información, amais dun inxente poder de procesamento. Dende hai tempo o sistema é empregado por empresas como Google para extraer información útil de entre a enorme cantidade de datos que recompilan, unha inxente información que se denomina, precisamente, Big Data.

PUBLICIDADE