O CESGA recibe o Premio Iniciativa da Administración polo seu proxecto Quantum Computing

venres, 24 de setembro do 2021 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vai outorgar o Premio Iniciativa da Administración da XIII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia (prevista para o vindeiro 29 de outubro no Hotel OCA de Santiago, en formato presencial e virtual que reunirá ás empresas máis destacadas do sector TIC da nosa terra) ao Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). Farao polo seu proxecto Quantum Computing destinado a colocar a Galicia como un referente internacional en tecnoloxías cuánticas en 2030, accedendo a un mercado internacional de alto valor estratéxico e económico.
Con este premio, que forma parte dunha listaxe de dez galardóns cos que os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da Enxeñaría en Informática, quérese destacar o papel do CESGA nas tecnoloxías máis punteiras, neste caso concreto as tecnoloxías cuánticas, que se basean nas leis da mecánica cuántica, é dicir, a rama da física que estuda a materia a escalas moi pequenas, así como as interaccións entre estas partículas atómicas e subatómicas. “Estas tecnoloxías, en fase incipiente a nivel mundial, permiten aplicacións en numerosos ámbitos como a medicina, o medio ambiente, a biotecnoloxía, a aeronáutica, a automoción, a loxística, as telecomunicacións ou as finanzas”, explica o CPEIG, engadindo que están consideradas o elemento tecnolóxico “disruptivo” que acelerará o desenvolvemento económico e social en practicamente todos os ámbitos, “cun impacto maior que o que tivo a computación clásica nas últimas décadas, e con este fin a comunidade internacional está a realizar un importante esforzo inversor”. Neste senso, o colexio que preside Fernando Suárez lembra que o volume de negocio global estimado para os próximos anos neste ámbito disruptivo supera os nove mil millóns de dólares para 2021 e os trinta e un mil no 2026. “Más alá desta data as estimacións dispáranse ata os cen mil millóns de dólares”, engade a entidade profesional, destacando os pasos dados por España cara a unha Estrategia Nacional de Tecnologías Cuánticas e, tamén, por comunidades autónomas como Galicia, Madrid, País Vasco e Cataluña, que están a impulsar plans propios de desenvolvemento.

Soberanía tecnolóxica europea e sustentabilidade económica

Mauro Fernández Dabouza, director do CESGA

Volvendo á iniciativa Quantum Computing que lidera o CESGA, está baseada en dúas premisas: deseñar e producir tecnoloxía propia en Europa para asegurar a soberanía tecnolóxica, e desenvolver negocio internacional para garantir a sustentabilidade económica a medio prazo. O Polo nace co obxectivo ambicioso de colocar a Galicia como un referente internacional nas tecnoloxías cuánticas no 2030, o que requirirá un esforzo sostido no tempo, coherente e coordinado co resto de España e Europa. “Isto permitiría a Galicia participar activamente no desenvolvemento desta industria a nivel europeo e acceder a un mercado internacional estimado en miles de millóns de euros”, destaca o CPEIG.
Segundo salienta Mauro Fernández Dabouza, director xerente do CESGA, “o Centro de Supercomputación de Galicia, centro mixto da Xunta de Galicia e do Consello Superior de Investigacións Científicas, será o nodo principal do Polo de Tecnoloxías Cuánticas que ten por obxectivo crear en Galicia un espazo para o desenvolvemento de software cuántico e para dar un impulso ao I+D+i neste ámbito. Esta iniciativa forma parte da candidatura aos fondos Next Generation cun importe de 154 millóns de euros, o centro principal estará en Santiago de Compostela e estará ao servizo dos centros de investigación e das empresas”.
O CPEIG apunta a que o proxecto tería “un claro impacto social”, ao potenciar de xeito notábel o valor do tecido industrial galego e especialmente o dalgunhas das súas principais empresas. Requirirá un importante investimento nesta década, a través de fondos nacionais e europeos, que permita crear una base sólida de capacidades en tecnoloxías cuánticas. Con este fin se activarán programas de apoio ao mundo académico, aos centros de investigación, tecnolóxicos e entidades singulares, así como ás empresas e á sociedade.

PUBLICIDADE