O CITIC participará na Maker Faire Galicia con dous proxectos, unha charla e un hackathon

xoves, 25 de maio do 2023 S. P.

O CITIC (Centro de Investigación TIC da UDC) participará un ano máis na feira tecnolóxica argalleira Maker Faire Galicia, a maior da Península, tanto en número de xornadas como en asistentes e proxectos presentados. Farao presentando dous proxectos centrados na diversidade funcional, unha charla sobre IA e un hachathon.
Esta edición, que se desenvolverá do 1 ao 4 de xuño na Cidade da Cultura de Santiago, contará cun variado programa e a participación de especialistas en distintas áreas de coñecemento que compartirán contidos e proxectos relacionados coa innovación social e cultural, a innovación educativa e a innovación empresarial. Artellarase en tres bloques: xornadas da industria (1 de xuño), xornada educativa (2 de xuño) e xornadas abertas (3 e 4 de xuño).
O CITIC participará achegando un premio no Hackathon de tecnoloxías de apoio, do cal formará parte do xurado a profesora titular da UDC e membro do CITIC, Thais Pousada. Por outra banda, Manuel Lagos, investigador do CITIC, presentará o seu proxecto Realidade virtual aplicada á promoción do envellecemento activo e á rehabilitación de persoas con diversidade funcional; e a maiores Amparo Alonso, catedrática da UDC e membro do CITIC, participará como relatora na charla Dilemas éticos na Intelixencia Artificial. Ademais, o proxecto desenvolvido polo CITIC e ASPACE Coruña, Talentos Inclusivos, contará cunha caseta onde expoñerán varios dos retos desenvolvidos ao longo das súas edicións.
Realidade Virtual aplicada á promoción do envellecemento activo

Proxecto de Manuel Lagos

Sección na Maker Faire: Proxectos das Xornadas da Industria.
Data: 1/06/2023 de 10.00 a 14.00 h.
Intervén: Manuel Lagos (CITIC).
Descrición: O obxectivo do proxecto é facer uso da Realidade Virtual (RV) para xerar contornas virtuais destinadas ao traballo de diferentes habilidades físicas e cognitivas en poboación maior e en persoas con diversidade funcional.
As contornas representarán espazos da vida diaria como poden ser as estancias habituais dunha vivenda, un supermercado ou unha horta. Nestes espazos propoñerase realizar diferentes tarefas baseadas en actividades do día a día. A finalidade é que a persoa adestre as súas habilidades físicas e cognitivas dunha maneira segura, amena e motivadora.
Dilemas éticos na Intelixencia Artificial
Sección na Maker Faire: Charlas das Xornadas da Industria.
Data: 1/06/2023 de 10.00 a 10.45 h.
Interveñen: Amparo Alonso (CITIC), Bárbara Román, Ana Mª Alonso.
Descrición: Nestes momentos estamos a vivir a explosión da Intelixencia Artificial, unha tecnoloxía que vai cambiar o mundo de maneira drástica.
Se normalmente a innovación vai por diante da regulación, nesta ocasión as características da propia tecnoloxía fan que esa distancia medre de maneira exponencial. Debido a iso, nos últimos meses, cada vez son máis as voces que piden unha parada no desenvolvemento da IA para pensar respecto diso de maneira conxunta e establecer mecanismos para que isto non se nos vaia das mans.
Exposición de proxectos de Talentos Inclusivos
Sección na Maker Faire: Proxectos das Xornadas Educativas.
Data: 2/06/2023 de 10.00 a 14.00 h.
Interveñen: Laura Rodríguez (CITIC), Patricia Concheiro (CITIC) e Carmen Miranda (CITIC).
Descrición: Exposición dos produtos desenvoltos na primeira e segunda edición do proxecto de Talentos Inclusivos.
Amosaranse premedores e outros obxectos adaptados que funcionan con control Makey Makey ou Micro:bit, ademais de xogos creados na plataforma Scratch.
Hachathon de Tecnoloxías de Apoio
Sección na Maker Faire: Obraodoiros.
Data: Do 1 ao 4 de xuño durante a Maker Faire Galicia 2023.
Descrición: Este hackathon, organizado polo CITIC, ASPACE Coruña, ONCE e COGAMI, consistirá na resolución dun reto co obxectivo de facilitar e mellorar o día a día das persoas con diversidade funcional.

PUBLICIDADE