O CLAG informa de dous foros internacionais sobre investimento de interese para as nosas empresas

xoves, 12 de setembro do 2013 Redacción

Dende o Clúster do Audiovisual Galego dan conta dunha dobre cita que terá lugar nos vindeiros meses de outubro e novembro, pois a empresa Media Deals organizará dous foros de investimento encamiñados a empresas do sector das comunicacións, as TIC e a creatividade. Máis polo miúdo: o Foro de Investimento NEM de Nantes -que terá lugar nesta localidade francesa os días 28 e 29 de outubro- e o Foro de Investimento ICT 2013, que se celebrará o día 7 de novembro en Vilna (Lituania). A selección dos proxectos será de dez a doce start-up cun alto potencial dentro do sector TIC/media e da industria dos contidos dixitais, que serán presentados ante unha rede de investidores.
Os proxectos seleccionados terán a oportunidade de participar nalgunha destas dúas sesións de pitching. Cómpre salientar que desde a organización explicouse que as empresas que desenvolveron unha tecnoloxía potente a través de programas financiados pola UE, como o 7PM, terán vantaxe no proceso de selección.
En canto ao Foro de Investimento NEM de Nantes, indicar que o NEM Summit (Networked and Electronic Media Summit) ten como obxectivo amosar os últimos avances no sector das tecnoloxías audiovisuais en rede en Europa. Amais, este cumio achega a posibilidade de contacto con máis de 400 profesionais do sector, start-up e expositores. A data límite para inscribirse neste evento é o 23 de setembro de 2013. Para máis información cómpre visitar a páxina web disposta para a ocasión.
No caso do Foro de Investimento ICT 2013, dicir que está organizado en colaboración coa Comisión Europea (DG Connect) no marco da Presidencia de Lituania, como parte da política para fomentar a transferencia dos resultados da investigación á innovación. O Foro formará parte da Conferencia ICT 2013, que reunirá a preto de 4.000 innovadores, empresarios, representantes da industria, investigadores, etc. O prazo para inscribirse neste evento finaliza o 30 de setembro de 2013. Toda a información relativa a este foro e o programa están na ligazón creada para o evento.

PUBLICIDADE