O CPEIG inaugura este martes o Curso Superior de Administración Electrónica na EGAP
luns, 16 de setembro do 2024
- Fernando Suárez, presidente do CPEIG
O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) inaugura este 17 de setembro unha nova edición do Curso Superior de Administración Electrónica 2024, organizado en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia da Xunta de Galicia (AMTEGA). O acto inaugural será ás 11:00 horas no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) de Santiago de Compostela.
O acto estará presidido polo director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño; a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez. A continuación, celebrarase un relatorio maxistral, titulado Presente e futuro da Administración Electrónica, que será impartido polo colexiado de honra do CPEIG, Miguel Ángel Amutio.
- Miguel Ángel Amutio achegará un relatorio sobre o presente e o futuro da eAdministración
Esta actividade ten como finalidade afondar, desde unha perspectiva técnico-xurídica e cunha importante parte práctica, na concepción da chamada eAdministración, incidindo na relevancia que ten a súa implantación nas distintas entidades galegas. A dirección académica está a cargo do presidente do CPEIG, Fernando Suárez. Así, os contidos do programa analizarán desde distintos enfoques a administración dixital para que o alumnado adquira ou perfeccione os seus coñecementos teóricos e prácticos en informática e en dereito.
Este curso superior desenvolverase do 17 de setembro ao 29 de outubro. Cun total de 114 horas lectivas, impartirase na modalidade semipresencial, con 30 horas de prácticas presenciais en Santiago de Compostela os días 17 e 24 de setembro e o 1, 8 e 15 de outubro na EGAP, en horario de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas, e 84 horas de teleformación.