O CPEIG participa en dous actos académico-formativos na ESEI de Ourense

xoves, 11 de setembro do 2014 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) está estes días participando en varias actividades relacionadas coa formación e o ámbito TI. Sen ir máis lonxe, o seu presidente Fernando Suárez asistiu este mércores día 10, en representación das persoas colexiadas, á xornada de acollida prevista pola Escola Superior de Enxeñaría Informática (ESEI) da Universidade de Vigo, no Campus de Ourense, dirixida ao alumnado. O acto tivo lugar no Salón Marie Curie do Edificio Politécnico a partir das 10.30 horas. Por outra banda, o colexio tamén anunciou que vai participar este xoves nunha mesa redonda sobre profesións informáticas.
Volvendo ao primeiro dos actos, a xornada de acollida na ESEI de Ourense, dicir que logo das presentacións e as benvidas, incluíu a presentación propiamente dita do equipo directivo e o desenvolvemento dunha exposición sobre o grao de Enxeñaría Informática e da comunicación do Plan de Acción Territorial, entre outros puntos. Segundo nos contan fontes do CPEIG, na cita tamén se lle amosaron ás alumnas e aos alumnos, a través dunha presentación, todos os servizos que lles ofrecen o Campus de Ourense.
No que se refire á mesa redonda, dicir que se vai celebrar este xoves e que está prevista a participación na mesma dun representante do colexio. A cita desenvolverase baixo o epígrafe As profesións informáticas e o papel dos colexios profesionais, e nela tamén participará o presidente do CPETIG. O encontro levarase a cabo igualmente no Salón Marie Curie do Edificio politécnico, a partir das 10.00 horas. Segundo informa a entidade profesional galega, a súa concorrencia nestes e outros actos académicos diríxese en boa medida “a dar visibilidade ao seu labor, non só ante os profesionais do eido TI, senón tamén entre os estudantes, e todo co fin de divulgar a importancia da colexiación entre os novos profesionais e informarlles dos beneficios de pertencer ao CPEIG”.

PUBLICIDADE