O CPETIG certifica a experiencia profesional adquirida no ámbito da Enxeñaría Técnica Informática

martes, 27 de maio do 2014 Redacción

A formación académica e a experiencia profesional son dous dos principais factores que mais inflúen nos procesos de selección profesional. Ter un bo currículo é fundamental, non só para obter un emprego, senón tamén para mellorar profesionalmente. Pero moitos profesionais atopan serias dificultades para demostrar a súa experiencia profesional de xeito claro e preciso. Para iso, o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática implantará en Galicia o sistema CEPRAL, un sistema para que os profesionais da informática poidan dispor dunha certificación colexial de recoñecemento obxectivo da súa experiencia profesional demostrábel, froito da súa actividade laboral e formación académica.
Desde xeito, cun único documento poderán acreditar ante terceiros a súa experiencia profesional de maneira fidedigna.
O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) é o primeiro organismo da comunidade galega que ofrece a certificación da experiencia profesional nas actividades propias da enxeñaría técnica informática mediante o servizo CEPRAL (Certificación da Experiencia Profesional para Recoñecementos Académicos e Laborais).
Con esta iniciativa, desenvolvida previamente xa polo COETIC (Collegi d’’Enginyeries Tècniques en Informàtica de Catalunya), o CPETIG tenta de dar resposta á situación curricular de moitos profesionais da informática que non poden acreditar de xeito fidedigno a súa experiencia profesional nas empresas e universidades, o que lastra as súas capacidades e, sobre todo, pecha oportunidades de desenvolvemento profesional.
O CPETIG, que ten entre as súas funcións fundamentais o deber de velar pola ética e a dignidade profesional, busca con esta iniciativa contribuír á ordenación do exercicio das profesións do seu ámbito e facilitar o acceso dos traballadores do sector da informática a melloras profesionais e beneficios académicos.
Ata o momento, a única maneira de reflectir a experiencia dos profesionais que desenvolven a súa actividade no sector da informática é mediante a súa incorporación no currículo vitae de xeito autodeclarativo, o que xera dificultades ás empresas para poder valorala de maneira axeitada.
Sistema de medición obxectivo
Coa posta en marcha do servizo CEPRAL, tras o acordo co COETIC, o CPETIG implantará un sistema de medición obxectivo dirixido aos profesionais da informática formados academicamente que exerceron neste sector, pero tamén está aberto a todos os profesionais da informática que non dispoñen da titulación académica.
O CPETIG decidiu estender o servizo aos non titulados porque considera que a disciplina da Enxeñaría Técnica en Informática é moi nova, pero o desenvolvemento das súas funcións é anterior, dada a demanda de profesionais dende hai décadas, o que contribuíu a que moitas persoas desempeñasen esta actividade profesional sen a formación académica que se require na actualidade e habitual noutras disciplinas.
Neste sentido, o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática subliña que o exercicio profesional sen a titulación debida non é a vía recomendábel pero, ao mesmo tempo, recoñece que existe unha realidade na que moitos profesionais desenvolveron a súa actividade no sector e adquiriron uns coñecementos e aptitudes con moito esforzo, que lles permitiron exercer as súas funcións profesionais.
O CPETIG ten constancia de que existen magníficos profesionais en perfís moi concretos do ámbito da enxeñaría que non están titulados. Ademais, hai que precisar que esta certificación non é de avaliación de coñecementos senón de experiencia profesional evidenciada.
Trátase así de permitir que os solicitantes poidan obter os recoñecementos académicos pola súa experiencia profesional por parte das universidades onde estudan ou poidan iniciar estudos, ademais de acreditar de maneira fidedigna a súa experiencia profesional no seu currículo vitae para promover ou optar a postos de traballo nas empresas ou institucións do seu interese.
O CPETIG quere conseguir o dobre obxectivo de estruturar a profesión da Enxeñaría Técnica Informática e permitir que os profesionais que exercen esta actividade, aínda sen a formación académica previa, poidan obter o proveito laboral ou académico propios da experiencia demostrábel que posúen.
Como se accede ó servizo CEPRAL
As persoas interesadas en acadar unha certificación do servizo CEPRAL deben remitir toda a documentación solicitada que evidencie a súa experiencia e os coñecementos profesionais, a partir da cal se valoran tres factores para determinar o nivel de experiencia profesional adquirida (EPA) no perfil, que será un valor enteiro entre 1 e 10 para as valoracións positivas.
Este sistema considera como formación previa exclusivamente aquela de carácter universitaria, sexa ou non regulada ou que sexan susceptíbeis de obter recoñecementos académicos por parte das universidades. Establécense 10 niveis e só se pode superar o nivel 5 con titulación universitaria.
Non se avalían a competencia profesional, os coñecementos ou a calidade profesional, senón a dedicación profesional ás actividades propias dun perfil.
Factores de valoración
Neste sentido, o servizo CEPRAL conta con tres factores para medir a experiencia profesional acumulada. Por un lado realízase unha Valoración da Adecuación Competencial (VAC) ao perfil solicitado, baseada na evidencian da cobertura de actividades profesionais establecidas para o perfil. Para iso, téñense en conta as acreditacións de terceiros, as formacións profesionalizadoras (opcional), descricións das actividades realizadas e os criterios internos da valoración do perfil.
En segundo lugar, tamén se realiza unha Valoración do Tempo de Dedicación (VTD) na que se cuantifican os anos de contrato laboral ou encargos profesionais propios do perfil e, nos casos de que conte cun multiperfil, establecerase a porcentaxe correspondente para obter os anos equivalentes a cada perfil.
Finalmente tamén se fará unha Valoración dos Estudos Previos (VEP), baseada na acreditación de estudos de ciclo superior finalizados antes ou durante a actividade profesional do perfil solicitado. O Nivel de Experiencia Profesional Acumulada (NEPA) obtense da ponderación dos tres factores anteriores.
Catálogo de perfís profesionais certificábeis

  1. IAD (IS Analyst and Designer)
  2. IPM (IS/IT Project Manager)
  3. ISD (Imperative Software Developer)
  4. OSD (Object Oriented Software Developer)
  5. DBA (DataBase Administrator)
  6. DBD (DataBase Developer)
  7. UXA (User Experience Analist)
  8. CNA (Computer Network Administrator)
  9. NSM (Network Security Manager)
  10. SPE (Stay in IS/IT Professional Environment

Acceso a través da web do servizo CPETIG
Para obter a Certificación da Experiencia Profesional para Recoñecementos Académicos e Laborais (CEPRAL), as persoas interesadas deberán solicitalo a través da web do sistema CEPRAL do CPETIG, cpetig.cepral.net. Para iso, teñen que rexistrarse como usuarios da plataforma.
Unha vez realizado o rexistro, o usuario poderá crear unha solicitude para un perfil determinado. A composición dunha solicitude supón a acreditación documental da identidade (se é a primeira solicitude que se realiza) e a achega dos documentos evidenciais requiridos e opcionais correspondentes ao perfil.
A tramitación dunha solicitude supón trasladala ao Comité CEPRAL do CPETIG para ser valorada. Antes, deberase facer o envío postal da documentación que se achegou e facer efectivo o pagamento do custo da valoración, que está establecido en 44,77 euros (impostos incluídos).
O prazo de resolución da valoración será entre 7 e 30 días naturais dende o momento de ter recibido a documentación postal para o seu cotexo e comprobarse que o pagamento foi realizado. A resolución comunicarase por correo electrónico ao interesado, quen terá dende entón un prazo de 10 días para alegar xustificadamente o resultado da valoración se o considera oportuno.
Para as valoracións positivas o solicitante poderá pedir a sinatura, expedición e depósito do certificado correspondente, para o que haberá que seleccionar as opcións de expedición e fará efectivo o pagamento, que será de 12,10 euros (impostos incluídos) para os colexiados e estudantes con acordo ao respecto coa súa universidade, e de 21,78 euros (impostos incluídos) para os demais solicitantes.
O compromiso do CPETIG
Para o CPETIG, unha das áreas de maior preocupación é facilitar o acceso dos profesionais ao desenvolvemento profesional e poder demostrar as capacidades adquiridas, de acordo coas innovacións tecnolóxicas, e tamén contribuír ao acceso a novas oportunidades. O Colexio convértese así nun aliado para os futuros profesionais que desexan realizar unha carreira profesional neste sector.

PUBLICIDADE