O Campus de Ferrol acolle en outubro o II Ciclo de Conferencias sobre a Automática e a IA
martes, 7 de outubro do 2025
O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolle o vindeiro luns 13 de outubro, ás 11:30 horas, a primeira das conferencias do Ciclo Auto-Sinerx-IA. A Automática e a Intelixencia Artificial como Ferramentas para os Desafíos da Industria e da Sociedade, que organiza un grupo de profesores e profesoras do Departamento de Enxeñaría Industrial vinculados á Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) grazas á convocatoria de axudas para a organización de xornadas divulgativas e ciclos de conferencias da Vicerreitoría de Divulgación, Cultura e Deporte da Universidade da Coruña (UDC).
A profesora da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Rosa María Regueiro, impartirá, a vindeira semana, a primeira conferencia do ciclo, titulada Repensando a economía entre a sustentabilidade, a enerxía e os limites do crecemento.
O martes 14 de outubro será a quenda do segundo relatorio da man do director de Phoenix Contact E-Mobility, Adriano Mones, quen afondará nas infraestruturas intelixentes e na mobilidade eléctrica.
Na terceira e última das conferencias, prevista para o martes 23 de outubro, o profesor da Escuela Técnica Superior de Ingeniería da Univesidad de Sevilla (US), Juan Manuel Escaño, falará sobre os ciberataques industriais, definíndoos directamente como “o inimigo silencioso”.
Dende o Campus de Ferrol explican que “ao igual que na súa primeira edición, este segundo ciclo Auto-Sinerx-IA está dirixido ao alumnado das titulacións de grao e de mestrado da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF)”. Con todo, a actividade está aberta a toda a comunidade universitaria e ao público xeral interesado ata completar o aforo do Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol. Máis información enviando un correo electrónico a esteban.jove@udc.es. As inscricións poden facerse xa en liña no formulario dispoñible.
