O Campus do Mar válese da Rede para implicar ao alumnado na procura da excelencia

mércores, 22 de setembro do 2010 Redacción

Representantes de todos sectores da sociedade galega e do Norte de Portugal apoian a candidatura da Universidade de Vigo para concorrer á convocatoria de Campus de Excelencia Internacional, pero o carácter integrador do Campus do Mar non se podería entender sen o apoio do alumnado da Universidade, un compromiso que este martes se materializou na Facultade de Ciencias do Mar a través da campaña de captación de apoios que hoxe comezou no campus de Vigo e se estenderá aos de Pontevedra e Ourense.
Esta iniciativa tamén ten o seu reflexo na Internet a través dunha páxina web na se recollen apoios individuais, superando xa os 250 usuarios rexistrados e os 835 seareiros en Facebook, animando aos alumnos a seguir estes pasos dende expositores que percorrerán os centros dos 3 campus ata o 15 de outubro.
O stand situado no Edificio de Ciencias Experimentais xa recibiu a visita do reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, quen incidiu na necesidade de «crear ambiente e animar á mocidade a que se apunte e apoie o Campus do Mar, posto que é unha maneira de chegar á comunidade universitaria dun xeito máis próximo e para que o estudantado se sinta partícipe e cómplice do proxecto, que é fundamental».

Salustiano Mato visitou o stand de promoción do Campus do Mar

PUBLICIDADE