O Chumby NeTV quere levar a Internet aos televisores de alta definición

xoves, 8 de setembro do 2011 Marcus Fernández

Para actualizar os televisores en alta definición en televisores intelixentes está a prepararse unha nova solución, o Chumby NeTV, un dispositivo pensado para colocar entre unha fonte de vídeo externa (unha consola de videoxogos, un reprodutor de Blu-ray...) e o televisor, para sobreimprimir a súa interface de uso sobre a imaxe, permitindo así o acceso a páxinas web, galerías fotográficas ou notificacións en pantalla (como correos electrónicos).
Este dispositivo soportaría imaxes en alta resolución (ata 1.080p a 24 cadros por segundo), sería compatible coa meirande parte de fontes de vídeo, tería un procesador Marvell a 800 MHz, alimentaríase por un porto microUSB, gozaría de conectividade Wi-Fi e manexaríase cun mando a distancia por infravermellos con 7 botóns. Amais tamén gozaría de integración con smartphones (inicialmente con máis posibilidades con Android, pero que pouco a pouco irían espallándose a iOS), de xeito que poderíamos ver en pantalla as mensaxes de texto que recibamos ou utilizar a pantalla táctil do terminal para manexar o dispositivo, así como para compartir as fotografías coa nosa familia nunha pantalla de grande tamaño. Unha interesante proposta que aínda está por rematar de desenvolver, e que fuxe da reprodución multimedia doutras solucións para centrarse na Rede como provedor de contidos e servizos.

PUBLICIDADE