O Club Financeiro Atlántico fará irmandade con clubs de todo o mundo a través dun foro dixital

venres, 5 de maio do 2017 Fernando Sarasketa

O Club Financeiro Atlántico vai organizar o vindeiro 25 de maio un encontro de longo alcance, xeográfico, tecnolóxico e informativo. Trátase da primeira edición do Foro Dixital Internacional de Clubs, unha xuntanza en liña dirixida a entidades estatais e internacionais para, en palabras do colectivo financeiro con base na Coruña, “crear un novo espazo de networking virtual e proxectar ao mundo a importancia da transformación dixital, empregando a telepresencia e a rede social corporativa como sistema de comunicacións dos clubs participantes en todo o mundo”. A misión é fornecer ás entidades e aos seus integrantes de “servizos de primeiro nivel”, facilitándolles o intercambio de valor e máis un lugar ideal de encontro para os seus negocios e relacións sociais e culturais. Participarán, entre outros, Javier García Tobío, director do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), Adolfo Fernández, responsábel de Desenvolvemento de Negocio de Google para España e Portugal, e Jesús Echarri Maceiras, director executivo da firma galega Improving Metrics.
Como dixemos, o Foro Dixital Internacional de Clubs (Foro Transformación Dixital: Os Desafíos Tecnolóxicos do século XXI), celebrarase o vindeiro 25 de Maio. A intención do Club Financeiro Atlántico é contar coa participación por videoconferencia de todas as entidades “irmás” coas que mantén relación de correspondencia, máis “con outros moitos clubs aos que convidaremos a conectarse”, participando nos relatorios e realizando preguntas a través dunha conexión permanente con eles.
Con independencia da devandita liña de actividade, desenvolverase un foro presencial no salón social do club galego, dende o que se vai establecer conexión virtual transfronteiriza. Para isto disporase de varias pantallas nas que irán entrando os representantes dos distintos clubs a través de videoconferencia. “Este sistema de telepresencia”, informan os organizadores, tamén permitirá aos conferenciantes conectarse desde os seus lugares de orixe e compartir os seus relatorios”.
Entre os relatores confirmados atópanse Javier García Tobio, director do CESGA, Pedro Martínez de la Rosa, ex-piloto de Fórmula 1 e comentarista de Movistar, Silvia Leal, experta en innovación e transformación dixital e directora de Programas de Tecnoloxía do IE, Adolfo Fernández, responsábel de Desenvolvemento de Negocio de Google para España e Portugal, Graciela Garrido, subdirectora xeral de Econet España, Venancio Salcines, socio fundador da Escola de Finanzas, Jesús Echarri, director executivo de Improving Metrics, Emilio del Prado, fundador e presidente de Data Economy e socio director de Epunto, Miguel Silva, presidente fundador do Spanish Business Council nos Emiratos Árabes Unidos, e Judit Cabana, responsábel da Axencia de Marketing en BySidecar.
Logo dos relatorios celebrarase o xantar institucional do foro.

PUBLICIDADE