O Concello de Rianxo quere dotar de fibra óptica todas as vivendas do municipio

mércores, 27 de outubro do 2021 S. P.

O Concello de Rianxo e a operadora de telecomunicacións galega Rede Aberta están a poñer en marcha un proxecto de colaboración para a despregadura dunha rede neutral de fibra óptica no termo municipal rianxeiro.
O Goberno local explica que o proxecto conxunto collerá corpo a través dunha enquisa cidadá na que a veciñanza dará conta polo miúdo das súas necesidades tecnolóxicas.
Así o explica o Concello: “Se, á hora de contratar os servizos de fibra óptica coas diferentes operadoras, batemos con problemas como a falta de cobertura, dificultade para atopar o número ou a finca, denegación de permiso de particulares ou a necesidade de infraestruturas (postes, conducións...), esta enquisa pretende recoller datos destas problemáticas e das vivendas afectadas para seren tidas en conta na redacción do proxecto de Rede Aberta”.
O Concello fai un chamamento á cidadanía para colaborar e “tentar fornecer de cobertura de fibra óptica a todas as vivendas do territorio municipal”.

PUBLICIDADE