O Congreso Internacional sobre o Reino da Galiza poderá ser visto desde calquera parte do planeta

xoves, 1 de setembro do 2022 S. P.

O primeiro Congreso Internacional sobre o Reino de Galicia (Regnum totius Gallaeciae. O Reino Medieval de Galicia), organizado pola Deputación da Coruña, será un evento interactivo, participativo e sen límites. De feito, poderase participar nel e debater temáticas de xeito telemático. “A idea foi ampliar as posibilidades de asistencia, dado o interese que suscitou o evento, que esgotou todas as prazas en cada unha das sesións logo de abrirse as inscripcións”, sinala a Deputación.
O Congreso celebraráse do 19 ao 22 de setembro e terá lugar en diferentes espazos de Santiago de Compostela. Os relatorios serán no Museo do Pobo Galego e o programa musical na contigua Igrexa de San Domigos de Bonaval. Está prevista a participación de 18 relatores e relatoras de diferentes perfís que abordarán cuestións relacionadas coa historia, a arte, a literatura, ou a organización administrativa do Reino Medieval de Galiza e que proceden de diferentes institucións, entre as que destacan as universidades de Nova York, Barcelona, Santiago, Salamanca e Oviedo.
O deputado de Cultura, Xurxo Couto, lembrou na presentación do evento que “o congreso nace como unha iniciativa absolutamente necesaria de cara a normalizar o dereito a coñecer a nosa propia historia. Asegurou tamén que “vai permitir socializar un enfoque propio e rigoroso do poder político galego nesa altura histórica, ata o de agora contaminado pola historiografía españolista que é a que aínda se segue a estudar no sistema educativo».
Anselmo López Carreira será o curador científico dun congreso que se vai retransmitir en directo desde a páxina web do congreso, que nos días do evento centrará nunha pantalla única as diferentes relatorías, as proxeccións e a interpretación para as persoas xordas. Ademais, tamén se poderá participar de forma activa nos debates programados ao fin de cada sesión, achegando á sala compostelá calquera comentario ou dúbida sobre as palestras que estean a decorrer.

PUBLICIDADE