O CyPhy LVL 1 quere converterse nun "dron para todos"

martes, 5 de maio do 2015 Marcus Fernández

Nos últimos meses emerxeron con grande forza numerosos drons no mercado que na súa meirande parte contaban coa posibilidade de incorporarlle unha cámara cun estabilizador para permitir realizar atractivas gravacións aéreas, pero dende CyPhy Works parecen querer revolucionar este tipo de dispositivos, reinventando o seu desempeño e sistema de control, de xeito que conseguiría ser “o primeiro dron para todos absolutamente”.
O produto que chega para iniciar esta revolución é o dron CyPhy LVL 1, que sorprende por integrar cámara e prescindir de estabilizador para a mesma, xa que o seu sistema de voo consegue manter o trebello totalmente paralelo ao chan, de xeito que opta por estabilizar o propio dron en vez de limitarse á súa cámara, conseguindo tamén que sexan un trebello menos fráxil (xa que algúns drons padecen moitas aterraxes nas que a cámara que leva pendurada é o primeiro elemento en impactar co chan). Este modo de alta estabilidade é ideal para sacar fotografías e gravar vídeo, pero pode desactivarse para o seu uso acrobático, de xeito que estamos ante un dispositivo moi versátil.
O control do CyPhy LVL 1 realízase mediante unha aplicación para smartphone (iOS e Android), moi doada de empregar, e facilitando a realización das tomas fotográficas e de vídeo perfectas, reducindo a curva de aprendizaxe do dron (xa que os usuarios xa están moi familiarizados co uso de aplicacións para o móbil). Este impresionante dron tamén permite compartir os contidos capturados en tempo real e, para tranquilidade do usuario, permite a definición de barreiras virtuais, de xeito que podemos limitar a caixa dentro da que se desprazará, evitando así que saia fóra do noso alcance.
O CyPhy LVL 1 promete unha autonomía de máis de 20 minutos de voo, a súa batería pode cargarse rapidamente, é resistente á auga e ao po, a súa cámara tira fotografías a 8 Mpíxeles, grava vídeo Full HD e pode inclinarse até 90 graos (de xeito que tanto pode gravar o que ten enfronte como o que ten debaixo), permite almacenar as imaxes en tarxetas e memoria e tamén conta con sistema de seguimento ou de marcación de rutas.
Este atractivo dispositivo de só 800 gramos de peso busca facerse realidade no mes de febreiro, cando comezará a remitirse aos mecenas que o apoien a través de Kickstarter, onde pode adquirirse por só 495 dólares (445 euros), o que é un prezo moi reducido para un dispositivo tan completo e innovador, que como grande garantía ten que entre os fundadores de CyPhy Works está Helen Greiner, co fundadora de iRobot, empresa detrás do popular robot-aspiradora Roomba.

PUBLICIDADE