O DJI Mavic 3 sitúase como o novo referente dos drons de consumo

venres, 5 de novembro do 2021 Marcus Fernández

Os drons de consumo de DJI estrean nova xeración cos novos Mavic 3 e Mavic 3 Cine, drons encartables con cámara que ofrecen grandes capacidades de voo, fotografía e diversión. O Mavic 3 está equipado cunha cámara Hasselblad con CMOS 4/3 cun obxectivo de 24 mm (capaz de disparar fotografías de 20 Mpíxeles) e zoom híbrido de 28x (a través dunha telecámara de 162 mm), os seus sensores de detección omnidireccional teñen un alcance de até 200 metros e as súas baterías achegan até 46 minutos de voo.
No apartado de vídeo pode gravar en 5,1K a 50 imaxes por segundo ou a 4K a 120 imaxes por segundo e, os usuarios máis esixentes poden facerse co modelo Mavic 3 Cine, como mellora admite a codificación no formato Apple ProRes 422 HQ para un mellor procesamento de vídeo e integra 1 TB de SSD.
O DJI Mavic 3 incorpora as últimas tecnoloxías de detección de obstáculos e sistemas de navegación. APAS 5.0 combina entradas de 6 sensores visuais de ollo de peixe e 2 sensores grande angular, que detectan obstáculos en todas direccións de xeito constante e continuo, e planifica traxectorias de voo para evitalos incluso en contornos complexos. Tamén inclúe ActiveTrack 5.0 para facer un seguimento de obxectos mellorado que incluso permite que o dron se mova co obxectivo mentres este de despraza en calquera dirección, conseguindo gravacións máis fluídas e diversas.
Con DJI O3+ conséguese unha transmisión de vídeo estable e fluída, cun alcance de control máximo de 15 quilómetros, sendo especialmente salientable que o Mavic 3 ofrece transmisións de vídeo Full HD a 60 imaxes por segundo, de xeito que podemos facernos unha mellor idea do vídeo que está a rexistrar o dron.
Como é habitual nos drons de DJI, o Mavic 3 tamén ofrece funcións como MasterShots (que facilita a creación de vídeos en poucos minutos para poder compartir cos amigos), o modo Panorámica (que xunta varias imaxes captadas polo dron para capturar paisaxes fascinantes) e QuickTransfer (que permite gardar e procesar materiais nos dispositivos móbiles mediante Wi-Fi 6).
A versión estándar do DJI Mavic 3 está á venda por 2.099 euros, o lote voa máis (con 3 baterías e outros accesorios) véndese por 2.799 euros e, finalmente, o DJI Mavic 3 Cine Premium (que inclúe numerosos accesorios) está dispoñible por 4.799 euros.

Vídeo de presentación do dron DJI Mavic 3

PUBLICIDADE