O DJI Spark preséntase como un mini-dron para o grande público

mércores, 24 de maio do 2017 Marcus Fernández

Hoxe poderíase dicir que o fabricante de drons DJI fixo historia, xa que presentou o seu novo DJI Spark, un trebello que non só conseguiría ser máis económico que o DJI Mavic Pro, senón que tamén sería considerablemente máis pequeno e lixeiro, cun tamaño moi semellante ao dun smartphone, de xeito que pasariamos dun dron que pode transportarse nunha mochila a un pequeno dispositivo que pode levarse no peto interno dalgunha chaqueta.
O DJI Spark ten que facer concesións para conseguir ser tan compacto, como que a súa cámara grava vídeo Full HD a 30 imaxes por segundo en vez de en 4K como os seus irmáns maiores, e incluso o sistema de estabilización e orientación da cámara é máis limitado, pero consegue manterse nun nivel o suficientemente digno como para ser unha solución moi atractiva para usuarios que queren xogar cun dron con cámara. Este novo trebello voador pode despegar directamente da man do seu usuario, e aínda que pode manexarse cun mando ou cun smartphone, chama bastante a atención o fieito de que poida controlarse con xestos tan sinxelos como mover a palma da man para dirixir o vehículo voador ou debuxar un marco dos dedos de ambas mans para que o dron dispare aos poucos instantes unha fotografía, converténdose nun xeito ideal para conseguir selfies incribles.
Voa até a 50 quilómetros por hora e tamén pode configurarse nun modo deportivo para poder experimentar a experiencia en primeira persoa, de xeito que cun casco DJI Goggle sería posible gozar dunha experiencia inmersiva que faríanos soñar que estamos aos mandos dun vehículo voador.
Ao novo dron non lle falta tecnoloxía para evitar colisións, un práctico sistema de volta a casa, e incluso venderase en 5 cores bastante rechamantes, conseguindo que o dron máis cativo de DJI poida gozar dun carácter de seu que probablemente favoreza a súa popularización como dron de consumo que empregar para a fotografía ou a gravación de vídeo de xeito afeccionado.
A cámara equipada no DJI Spark permite disparar fotografías de 12 Mpíxeles e gravar vídeos estabilizados a Full HD, aínda que o seu gimbal mecánico só conta con 2 eixes, polo que para certo tipo de tomas será preciso o movemento do dron e non só o da cámara, pero en calquera caso consegue realizar tomas de vídeo cunha calidade notable para un dispositivo tan pequeno e lixeiro. Para a realización de certas fotografías tamén é moi axeitado, contando con modos para a realización de imaxes panorámicas e tamén o chamado ShallowFocus (efecto de enfoque selectivo). Non lle faltan os modos de voo intelixente de seguimento activo, así como as tomas rápidas seguindo unha serie de patróns (elevándose cara arriba mentres a cámara apunta cara abaixo, voando en diagonal afastándose coa cámara fixa nun obxectivo, voando en círculos ao redor dun obxectivo ou trazando unha espiral ao redor do obxectivo mentres se ascende voando).A aplicación móbil DJI GO 4 tamén inclúe numerosas opcións para axustar os contidos captados para facilitar a súa rápida publicación nas máis populares redes sociais.
Aínda que non é tan completo como outros drons de DJI, o DJI Spark si integra moitas das tecnoloxía de seguridade implantadas nos últimos meses nos seus irmáns maiores, que permítenlle gozar dun sistema de visión que funciona até a 30 metros de distancia e pode captar obstáculos até a 5 metros de distancia, evitando así moitos dos accidentes que supoñían que se estragase completamente o trebello ao impactar a alta velocidade con obxectos e superficies imprevistas. O dispositivo voador tamén volve de xeito automático a casa se ve que está a quedar sen batería ou se perde a conexión co seu sistema de control, evitando así que se perda o dron ou que remate caendo na auga ao quedar sen carga (problema máis que frecuente en dispositivos semellantes).
A batería recargable (mediante microUSB) do DJI Spark permite até 16 minutos de voo, e de empregarse co accesorio de mando a distancia pode recibir vídeo en tempo real a 720p a unha distancia de até 2 quilómetros.
O DJI Spark pode xa reservarse a un prezo de 599 euros, para o seu lote básico, mentres que o lote Vuela Más inclúe mando a distancia e algún accesorio máis que o fai moi recomendable, pero eleva o seu prezo aos 799 euros. Confíase en que se entrega aos compradores a partires do 15 de xuño, e aínda que o prezo é bastante axustado, onde si podería converterse en todo un fenómeno é nos EE.UU., onde estará dispoñible por a partires de 499 dólares (444 euros), prezo que pode considerarse moi popular para un produto tan versátil e que facilmente pode meter ao público no peto.

Vídeo promocional do DJI Spark

PUBLICIDADE