O DOG publica a convocatoria dos bonos dixitais no marco do programa ÚNICO-Bono Social

mércores, 17 de agosto do 2022 Redacción

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria para iniciar o proceso de inscrición das entidades colaboradoras da iniciativa dos bonos dixitais, dirixido a operadores de telecomunicación e empresas que ofrezan servizos de Internet, que terán de prazo até o 19 de setembro para presentar a súa solicitude. Unha vez que se publique no DOG o listado de entidades colaboradoras poderán solicitarse os bonos.
Os bonos dixitais facilitarán a contratación de servizos de Internet a persoas vulnerables. Conta cun orzamento de 1,3 millóns de euros, que forman parte dos fondos que o Goberno de España transfire a Galicia no marco do compoñente 15 Galicia do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea.
A iniciativa, enmarcada no programa estatal ÚNICO Bono Social, permitirá a persoas ou familias vulnerables contratar ou mellorar a conexión á banda larga fixa cunha velocidade mínima de 30 Mbps, cunha minoración mensual de até 20 euros na factura emitida pola entidade colaboradora elixida durante un período de até 12 meses cun máximo de 240 euros. A previsión é acadar os 5.774 beneficiarios.
As axudas están dirixidas a fogares que non conten con conexión fixa de 30 ou máis Mbps a Internet e cuxa renda anual (per capita) sexa inferior ao 125% do IPREM en caso de non ter menores ou 175% en caso de telos. Son, fundamentalmente, beneficiarios de Risga, do Ingreso Mínimo Vital así como outras familias con poucos recursos ou en risco de exclusión social.

PUBLICIDADE