O Dell XPS 13 estrea carcasa en cor ouro rosa e procesadores Kaby Lake

xoves, 15 de setembro do 2016 Marcus Fernández

Un dos ordenadores portátiles de Dell de maior aceptación dos últimos meses, o XPS 13, está a renovarse incorporando os últimos procesadores de Intel, mellorando a súa autonomía e estreando carcasa en cor ouro rosa. Este novo equipo chegará ao mercado en dúas configuracións: cun procesador Intel Core i5 de 7ª xeración (Kaby Lake), 8 GB de RAM, 256 GB de SSD, pantalla Full HD de 13,3 polgadas e unha autonomía de até 22 horas; e cun procesador Intel Core i7 de 7ª xeración, 8 GB de RAM, 256 GB de SSD, pantalla táctil QHD+ de 13,3 polgadas e unha autonomía de até 13 horas.
Os novos Dell XPS 13 tamén inclúen unha versión renovada da tecnoloxía Wi-Fi AC que monta Dell nos seus equipos; están construídos en aluminio e fibra de carbono; a súa pantalla conta con protección Corning Gorilla Glass; e chegará ao mercado norteamericano o 4 de outubro a un prezo de 799 dólares para o modelo normal e 949 dólares para a Developer Edition, prezos que parecen bastante axustados para uns equipos que presumen de ser os portátiles con pantalla de 13 polgadas máis pequenos do mercado (son un 17% máis pequenos que un MacBook Air de 13 polgadas), sorprendendo especialmente polo reducido que é o marco das súas pantallas.

PUBLICIDADE