O Día de Rosalía farase sentir nas bibliotecas, nos centros de ensino... e na Rede
martes, 22 de febreiro do 2022
A Xunta
de Galicia conmemora o nacemento de Rosalía de Castro cunha ampla
oferta de actividades nas bibliotecas públicas, centros de
ensino e centros de Estudos Galegos que o Goberno autonómico mantén
no exterior. As actividades prolongaranse máis aló do 23 de
febreiro de 2022 e estarán compostas por mostras, obradoiros,
espectáculos de teatro e narración oral e musical, entre outras
propostas; máis a programación organizada nas bibliotecas
xestionadas pola Xunta, que poden consultarse nas súas respectivas
páxinas web. Boa parte do previsto tamén poderá consultarse no
Portal da Lingua
(Secretaría Xeral de Política Lingüística).
Na Biblioteca de Galicia, situada na Cidade da Cultura, terá lugar o
sábado 26, ás 17:00 horas, a obra de teatro familiar Rosalía;
nesa mesma xornada pero ás 12:00, a biblioteca pública Ánxel Casal
acolle o contacontos Rosalía marabillosa, dirixido a cativos
e cativas de tres a oito anos. A maiores, a biblioteca Ánxel Casal
tamén organiza diversas propostas en liña como unha listaxe de
Spotify con poemas de Rosalía musicados por diferentes artistas. Por
outra banda, no centro compostelán xa se pode visitar dende a pasada
semana a mostra bibliográfica infantil Poetas galegas que
escriben o que senten e saben.
Pola súa banda, a Biblioteca da Xunta na Coruña Miguel González
Garcés e a Biblioteca Pública de Lugo tamén teñen preparadas
actividades conmemorativas. Na da Coruña, instalarase mañá unha
mostra coas obras máis representativas da autora de Cantares
Gallegos; a de Lugo ofrecerá o venres 25 ás 18:00 horas o
espectáculo musical Cantando os Cantares, un percorrido polos
Cantares Gallegos dirixido á rapazada de catro a doce anos.
En Ourense levarase a cabo unha actividade conmemorativa o día 24,
no marco das habituais sesións do xoves de Ven ler, cantar,
recitar e xogar entre palabras, dirixida a un público de sete
anos en adiante. A biblioteca Antonio Odriozola, situada en
Pontevedra, réndelle homenaxe á autora galega co obradoiro creativo
para adultos Rosalía: Palabra e imaxe, a cargo de Anias. Como
remate, a biblioteca Juan Compañel de Vigo, instalou a mediados de
mes diferentes mostras, unha para un público infantil e outra para
adultos.
Pola súa banda, a Secretaría Xeral de Política Lingüística
traballa un ano máis cos Equipos de Dinamización da Lingua Galega
dos centros de ensino para crear novos materiais ambientados en
Rosalía. Tamén, os Centros de Estudos Galegos que Galicia conserva
no exterior, mostraron a vontade de celebrar o novo Día de Rosalía
organizando obradoiros de tradución, seminarios, roteiros ou
conferencias. Todas as actividades programadas poderán consultarse
na axenda
do Portal da Lingua Galega.