O Galaxy Note7 incorpora resistencia á auga e escáner de iris

martes, 2 de agosto do 2016 Marcus Fernández

Samsung celebrou hoxe un dos seus eventos Unpacked para dar a coñecer oficialmente ao mundo o seu novo smartphone Galaxy Note7, que sairá á venda a partires do 19 de agosto en cor azul coral, ouro platino, prata titanio e negro ónix, destacando polo feito de que esta nova xeración do tabletófono de referencia no mercado adopta unha numeración pouco lóxica, xa que o anterior Galaxy Note en venderse en España viña acompañado por un 4, e o Note 5 só chegou a venderse nuns poucos mercados, dando a impresión de que agora temos un Note 7 para equiparar a numeración desta familia coa dos Galaxy S.
O Galaxy Note7 será o novo terminal ao que aspirarán todos os tabletófonos do mercado, cunha impresionante pantalla Super AMOLED de 5,7 polgadas cunha resolución de 2.560 x 1.440 píxeles, coa que pode operarse co S Pen como vén a ser habitual, e que como importantes novidades conta cun resistencia á auga e ao po (IP68) e, aparte de contar con lector de pegadas dixitais, tamén integra identificación mediante un escáner de iris.
A tecnoloxía Samsung Knox continúa a manter protexidos os contidos no teléfono, pero esta mellora aínda máis grazas ás medidas de identificación biométrica, que permiten que o usuario decida cal é o xeito de identificarse que lle resulte máis cómodo (podendo cambiar en calquera momento entre a tecnoloxía de recoñecemento de pegadas ou de iris), sendo os distintos métodos compatibles con Samsung Pay, e estando abertos a outras aplicacións a través de Samsung Pass.
O novo teléfono tamén adopta un deseño de pantalla curvo nos seus laterais, atendendo á boa resposta comercial do Galaxy S7 edge, móbil co que tamén comparte a súa avanzada tecnoloxía de cámaras que o sitúan en cabeza do mercado neste aspecto. Ten así unha cámara traseira dual píxel de 12 Mpíxeles con estabilización óptica de imaxe e apertura f/1.7 e cámara frontal de 5 Mpíxeles con apertura f/1.7.
O terminal funciona con 4 GB de RAM (LPDDR4) e 64 GB de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas microSD de até 256 GB e integra unha batería de 3.500 mAh compatible con carga rápida sen fíos ou a través dun porto USB-C, sendo este último un detalle bastante importante que Samsung non ousara incluílo nos seus S7.
Outros detalles técnicos incluídos no Note7 son o NFC, Wi-Fi AC de até 620 Mbps (grazas a MIMO 2x2), Bluetooth 4.2, infravermellos e compatibilidade con fundas S View e incluso cunha nova versión de Gear VR adaptada ao tamaño de pantalla deste terminal. Polo momento chegará con Android 6.0.1, ou sexa, que non esperarán ao mes de setembro para poder estrearse con Nougat.

O Galaxy Note7 chegará o 19 de agosto en catro cores distintas
O Galaxy Note7, seguindo os pasos dos Galaxy S7, incorpora resistencia á auga e ao po

Vídeo de presentación do Samsung Galaxy Note7

PUBLICIDADE