O Galaxy Z Flip sorprende coa súa pantalla de cristal encartable

martes, 11 de febreiro do 2020 Marcus Fernández

Aparte da presentación dos novos Galaxy S20, dende Samsung quixeron captar a atención dos focos ao amosar ao público o seu prometedor Galaxy Z Flip, o segundo móbil con pantalla encartable da marca, que adopta un factor de forma propio dos vellos teléfonos de cuncha, polo que podería gozar da complicidade de moitos usuarios afeitos a tal formato, aínda que polo momento falamos dun smartphone demasiado caro (1.500 euros) como para saber se esta proposta conseguirá callar a longo prazo.
Aínda que o prezo do Galaxy Z Flip sexa elevado, é un produto moito máis barato que o Galaxy Fold (2.020 euros) e o seu competidor máis directo, o Motorola Razr (1.599 euros), sendo un produto cunhas especificacións moito máis avanzadas que o de Motorola, conseguindo situarse como referente deste tipo de dispositivos.
O Galaxy Z Flip é un smartphone revolucinario, que presenta un formato compacto cando está pechado, e que ao abrirse presenta unha pantalla de 6,7 polgadas protexida por un cristal ultra-delgado encartable (Ultra Thin Glass UTG), o que supón un grande salto de calidade fronte ás pantallas plásticas dos anteriores móbiles encartables, de xeito que o uso desta pantalla xa non suporá o que para moitos era un paso atrás. A pantalla deste terminal ten unha relación de aspecto de 21,9:9, ou sexa, moi próxima ao formato cinematográfico, e o seu encarta realízase por unha bisagra oculta que permite a apertura do dispositivo en varios ángulos, facilitando que poidan colocarse sobre unha mesa dun xeito semellante ao dun ordenador portátil, o que abre novos escenarios de uso (grazas ao modo Flex, que divide a pantalla en dúas pantallas de 4 polgadas cada unha, o que permite que unha aplicación divida funcións entre as pantallas o que teñamos dúas aplicacións simultáneas en paralelo).
No exterior do Galaxy Z Flip tamén hai unha pequena pantalla (de 1,1 polgadas) para notificacións, na que podemos ver a data, a hora e o estado da batería, así como avisos de chamada (podendo responder ou rexeitar dende esa mesma pantalla) ou visualizar notificacións sen ter que abrir o terminal.
O Galaxy Z Flip está equipado cun procesador de 8 núcleos con fabricación de 7 nanómetros, 8 GB de RAM, 256 GB de almacenamento interno, cámara traseira dual de 12 Mpíxeles, cámara frontal de 10 Mpíxeles e batería de 3.300 mAh. Desta volta estamos ante un móbil 4G con Wi-Fi 5, ou sexa, que en especificacións estaría próximo aos móbiles insignia do ano pasado, tendo que realizar sacrificios en autonomía por culpa do seu factor forma.
Pode reservarse antes do 14 de febreiro, data na que iniciará a súa distribución global en unidades limitadas.

Vídeo de presentación do Samsung Galaxy Z Flip

PUBLICIDADE