O Goberno central di que en 2025 non haberá poboacións galegas sen acceso a redes de alta velocidade

mércores, 2 de xuño do 2021 S. P.

O secretario de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais, Roberto Sánchez, compartiu este 2 de xuño os plans do Goberno central para estender a conectividade ao 100% da poboación e acelerar o despregamento de redes e servizos 5G. Fíxoo ante os medios de comunicación, na compaña do delegado de Estado en Galicia, José Miñones, e da FEGAMP. “En 2025 non quedará poboación galega que non teña acceso a redes de alta velocidade”, asegurou, ao tempo que engadiu que estes obxectivos forman parte da estratexia do Executivo para afrontar o reto demográfico, artellándose a través do do Plan para a Conectividade e as Infraestruturas Dixitais e a Estratexia de Impulso á tecnoloxía 5G.
Segundo dixo, ambos os plans contan para os seus investimentos con fondos procedentes do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia da Unión Europea, 2.000 millóns de euros para estender a conectividade, 1.500 millóns de euros para o despregamento do 5G e 500 millóns para impulsar un ecosistema de ciberseguridade, e están incluídos no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
O secretario de Estado tamén fixo un repaso dos investimentos realizados no marco do Programa de Extensión de Banda Larga (PEBA-NGA) en Galicia: máis de 102 millóns de euros de axudas desde 2013, cando se puxo en marcha este programa co-financiado con fondos FEDER, dos cales máis da metade (80 millóns de euros) foron adxudicados en proxectos no tres últimas convocatorias (2018, 2019 e 2020).
Segundo fixo saber, na última convocatoria do PEBA-NGA, resolta o pasado 4 de marzo, adxudicáronse axudas por un importe de 13 millóns de euros para estender a banda larga en 2.617 entidades singulares de poboación a 56.159 vivendas e empresas. Delas, 26.530 están en Lugo, 14.030 na Coruña, 10.047 en Ourense e 5.552 en Pontevedra.
Grazas a estes investimentos, dixo, logrouse aumentar nos últimos anos (2018, 2019 e 2020) en 32 puntos a cobertura a 30 Mbps que agora é do 95.07%. “Desta maneira desaparece a fenda dixital co resto de España, cuxa cobertura con redes a esta velocidade é do 95.19%”, explicou.
E engadiu: “A cobertura a 100 Mbps en Galicia era de apenas o 59% en 2017. Desde entón aumentou 13 puntos e en 2020 alcanzaba ao 72.15% da poboación galega. Cando finalicen os proxectos que están en execución, estímase que en 2022 a cobertura de redes fixas a velocidades 100 alcanzará ao 83,67% da poboación”.

PUBLICIDADE