O Goberno comeza 2022 co reto de levar banda larga a 60.000 fogares e empresas de 278 concellos galegos

luns, 3 de xaneiro do 2022 S. P.


O delegado do Goberno, José Miñones, comezou o ano facendo balance dos seus primeiros nove meses no cargo (marcados pola “especial atención aos gobernos locais desde o terreo”) e adiantou as súas principais liñas de traballo para 2022, que será, explicou, un período para a transformación nos concellos co “inicio da execución dos fondos históricos do Goberno”. Segundo destacou, ao longo destes meses comenzarán a executarse proxectos que financian os 641 millóns xa concedidos en Galicia no marco do Plan de Recuperación, e avanzou que “chegarán novas liñas de apoio”.
Entre os proxectos que comenzarán a executarse neste 2022, José Miñones destacou os 22 plans de sustentabilidade turística en destino e as actuacións de rehabilitación nos Camiños de Santiago, que mobilizarán 80 millóns para “transformar o turismo e o patrimonio de uso turístico”; o Programa Único-Banda Larga (19 millóns de euros), que levará Internet de banda larga a 60.000 fogares e empresas de 278 concellos de Galicia que non contaban con este servizo esencial; e as axudas para a recuperación económica e social en contornas urbanas, mobilizando 67,2 millóns cos que se poderán afrontar máis de 1.500 actuacións en vivendas de toda Galicia.
Amais, dixo, avanzarase en materia de eficiencia enerxética coa convocatoria do programa DUS-5000 de axudas para proxectos de enerxías limpas en concellos do reto demográfico (5,7 M de euros para Galicia) e, a maiores, seguirán a executarse os proxectos financiados polo IDAE (Ministerio para a Transición Ecolóxica) en distintas vilas e cidades, que recibiron ata 166 millóns de euros nesta convocatoria.
Tamén destacou o traballo previsto para transformar as administracións locais, “para facelas máis modernas e accesíbeis”, unha liña para a que se convocaron en 2021 as primeiras axudas destinadas a poboacións de máis de 50.000 habitantes e en 2022 sairá a convocatoria para o resto de Concellos.
Asemade, José Miñones fixo balance dos seus primeiros nove meses no cargo de delegado, que viñeron marcados por un especial compoñente municipalista e a atención aos gobernos locais desde o terreo. O delegado apuntou que “dar voz ao municipalismo” levouno a visitar nestes meses 62 concellos de toda Galicia e a manter reunións e recibir a máis de 80 alcaldes e alcaldesas para abordar temas específicos do seu territorio. Foi, dixo, “un traballo diario para coñecer como vive a Galicia, a urbana e a rural, e dar resposta ás principais inquedanzas dos gobernos locais nas súas relacións co Goberno de España”.

PUBLICIDADE