O Goberno destina 52 millóns a Galicia para levar banda larga a máis de 137.000 fogares e empresas

mércores, 30 de novembro do 2022 Lucía Villaverde

O Goberno, a través do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, publicou a resolución definitiva da segunda convocatoria do Programa Único-Banda Larga, que permitirá estender as conexións de moi altas capacidades (polo menos 100 Mbps) a 137.177 novos fogares e empresas en Galicia, cun investimento de 51,95 millóns de euros.
A resolución adxudica un investimento total de 244,6 millóns de euros a 50 proxectos dos 159 presentados, co obxectivo de levar acceso á conexión en banda larga ultrarrápida a 728.500 fogares e empresas en toda España. A extensión destas redes forma parte dos investimentos previstos polo Goberno, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e a axenda España Dixital 2026, e está financiada con fondos Next Generation EU.
Preto da metade dos proxectos concéntranse en Galicia, Castela e León e Andalucía. A listaxe definitiva de proxectos aprobados así como os municipios onde se desenvolverán poden consultarse na web do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, a través da ligazón específica habiliada.
A meirande parte dos territorios afectados atópanse en zonas brancas: sen cobertura de redes de polo menos 30 Mbps, nin plans para a súa dotación nos vindeiros tres anos; e o resto, en zonas grises: sen cobertura de banda larga ultrarrápida ou de previsións para a súa dotación nos vindeiros 3 anos por parte dun só operador.
Segundo informan fontes do Goberno, "na actualidade, España é líder en conectividade en Europa, ocupando a terceira posición, segundo o derradeiro Índice de Economía e Sociedade Dixitais (DESI), que elabora a Comisión Europea".
O plan estatal diríxese a acadar unha taxa de cobertura de moi altas capacidades para o 100% da poboación en 2025. Dende 2018, o programa inverteu máis de 1.500 millóns de euros a través dos programas, e a inversión público-privada total en 2022 será de 388,2 millóns de euros.

PUBLICIDADE